Ferrol en Común pide a retirada do busto de Juan Carlos I da fachada do Concello

A formación presenta unha moción para o seu debate no pleno, onde espera contar co apoio dos grupos de esquerda.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 28/07/2020 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

O grupo municipal de Ferrol en Común pediu este martes a retirada do busto de Juan Carlos I da fachada do Concello de Ferrol, así como da medalla de ouro da cidade. A formación levará estas solicites ao pleno municipal que terá lugar o xoves.

Juan Carlos I.
Juan Carlos I.

Diso informou o concelleiro Suso Basterrechea, quen sinalou que esta será a segunda vez que se debata este asunto entre a corporación municipal.

O edil lembrou que, na súa etapa no goberno municipal, a súa formación xa quixo retirar o busto de Juan Carlos I da fachada, un espazo reservado aos actuais Xefes de Estado. "De igual maneira que se cambiou o cadro de Juan Carlos I polo de Felipe V no salón de plenos", recalcou.

Naquela ocasión, antes de que o goberno municipal de Jorge Suárez puidese facela efectiva, o PP presentou unha moción para evitar a súa retirada, que foi aprobada cos votos afirmativos de populares e Ciudadanos. Ademais, tivo o voto en contra de Ferrol en Común e a abstención do PSOE nun pleno do que se foron os concelleiros do BNG por considerar que "ese debate se converteu nun circo", lembrou Suso Basterrechea.

Un dos motivos que o PP alegara para impedir a retirada do busto era "o custo que supuña para o Concello", algo co que Suso Basterrechea manifestou que non estaba de acordo porque, conforme sinalou, "isto ten custo cero" para o Concello.

O concelleiro de Ferrol en Común comentou que a presentación desta moción non é unha petición "oportunista" e lembrou que a súa organización política leva no seu ADN "o republicanismo", algo que teñen en común "coa maioría dos concelleiros desta actual corporación". Ademais, recalcou que esta moción se presentou en varios concellos da xeografía galega e estatal, nos que "saíron adiante co apoio das forzas que están agora mesmo na cidade".

Sobre os feitos que nos últimos días apareceron en relación á figura de Juan Carlos I, Suso Basterrechea afirmou que a súa formación "non é un xulgado para ditar posibles delitos", pero tivo claro que "son actos pouco exemplares e presuntamente pouco legais".

A figura de Juan Carlos I "converteuse en incomoda" para a Casa Real "que non saben onde metelo", polo que Suso Basterrechea solicitou que a xustiza "sexa igual para todos".

O concelleiro comentou que a decisión da retirada do busto da fachada do Concello de Ferrol non se vai demorar moito no tempo, aínda que esta moción non saia adiante na sesión plenaria, "porque máis pronto que tarde vai ter que ser retirada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta