O raposo de O Carballiño volveu coller a todo o seu partido, incluído Rubalcaba, co pé cambiado e sacou da madriguera un coello máxico: as primarias. Sorprende a capacidade de Pachi Vázquez para entreter a xogada conservando ao máximo a posesión do balón, alargando o partido máis aló da prórroga e os penaltis, ata converterse a si mesmo en pichichi e árbitro da situación, sacando tarxeta vermella ao que se menea.
Pachi ensinou os dentes; lean as declaracións de Laura Seara á Radio Galega: “Se por algo destaca Pachi Vázquez, é pola súa valentía e a súa clarividencia, por que non lle dá voltas ás cousas vinte veces; o toma unha decisión e, se se sente arroupado, tira para diante".
Hai candidato. Neste último Conclave Nacional, Pachi entrou cardeal e saíu Papa. A fumata branca pon en escea a volta de Pachi ao primeiro plano (ah, pero, foise?) e a súa decisión de disputar a Secretaría Xeral Perpetua do PSdG no próximo congreso de Xullo, sutilmente anunciado pero aínda non convocado formalmente, outra marrullería.
O lucense Xosé Ramón Besteiro levantou a man timidamente ante o Comité, con educación, ofrecéndose ás bases; pero antes de que se xunte cunha ducia de asembleas locais podería ser devorado: Besteiro é un cordeiro a mercé dunha manada de lobos e raposos.
Repasei logo a información do Comité Nacional que publica o PSdG no súa web, tan manipuladora que oculta os datos: ¿Cantos membros forman o CN, cantos asistiron, cantos participaron na votación do sábado, cantos a favor?
Segundo algúns medios, a proposta de Pachi obtivo 115 votos sobre un censo aproximado de 400 membros. ¡115 sobre 400 non é maioría abafadora, nin é o 96%! Ven sendo, máis ben, un apoio débil que pode lerse no espello: 285 membros do máximo órgano do PSdG non apoiaron a proposta de Pachi. Entre eles, parte das delegacións de Vigo, Pontevedra, A Cañiza, Tui, Gondomar, Moaña, etc.
Mentres na súa páxina web o PSdG oculta estes datos, Pachi fai contas. O seu cálculo pasa pola suprema inhabilitación de Pepe Blanco en vía xudicial e por algunha componenda con Abel Caballero e Carmela Silva, brazos pluriempregados de Rubalcaba en Fisterra, reconciliándose con Ferraz, con grande xenerosidade.
Fronte a este aparello, nada neutral, Besteiro terá que ir sumando un a un os votos do descontento, o cabreo e a desesperanza, e quizais non sexan tantos. Podería pasarlle como a Chacón en Sevilla. Coa súa astuta xogada, o cardeal raposo de O Carballiño converteuse a si mesmo en papable, epicentro do debate, disposto a sacrificarse unhas vez máis polo ben do partido e de Galicia, e tamén de Europa, cando chegue o momento.
Aínda non empezou o conclave socialista e xa “habemus papam, Raposus I”. Morro de ganas por ver a Caamaño e Carmela bicando o anel da súa santidade. @Tornarratos