Por Europa Press / Redacción | Ourense | 07/08/2020 | Actualizada ás 20:09
O PSOE de Ourense instou ao BNG a "abandonar os contos de ciencia ficción" ao acusar os socialistas de impulsar unha moción de censura co PP en Castrelo de Miño contra o actual rexedor, o nacionalista, Esteban Suárez.
"Os nacionalistas do BNG deberían deixar de inventar unha realidade paralela que non existe e deberían centrarse en fortalecer a todas as forzas progresistas no municipio para facer fronte ao caciquismo do PP desde a unión e o respecto mutuo", sinalaron os socialistas.
O PSOE de Ourense sinala que o ocorrido en Castrelo de Miño é unha situación "absolutamente anómala" que os socialistas condenan con "rotundidade" polo que piden tamén ao BNG que "deixe de acender o ventilador contra as forzas de esquerdas" e "se poña a traballar" para que, nas próximas eleccións locais os nacionalistas "non volvan perder dous edís.
A portavoz do grupo municipal Catalina González denuncia a "manifesta inxustiza" que, na súa opinión, supón a campaña de "desprestixio" iniciada polo BNG e pediu "respecto" aos nacionalistas.
"Debe de cumprirse a vontade do pobo e a corporación municipal debe de respectar o que decidiron democraticamente as urnas", incidiu a portavoz socialista, que considera que "manipular a realidade con mentiras tamén prexudica a democracia".
Ademais, sinalou que a agrupación municipal socialista xa expresou o seu apoio ao pacto de goberno co BNG e ratificaron de novo que están "en contra" de calquera moción de censura ou posible pacto co PP".
Por último, subliña que os edís díscolos Jaime Fontales e Francisco Pérez "non forman parte do partido" desde "o mesmo momento no que asinaron esta deplorable moción de censura".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.