Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/02/2025 | Actualizada ás 17:58
O BNG denunciou a "cacidada" e o "atentado ambiental perpetrado" pola Xunta coa autorización favorable de Augas de Galicia á captación de auga do río Ulla do proxecto da macrocelulosa de Altri-Greenalia en Palas de Rei e que é a "crónica dunha autorización anunciada". Todo iso por mor de que este sábado se coñeceu que Augas de Galicia concluíu que o proxecto "cumpre" cos obxectivos ambientais esixidos.
Ante isto, o portavoz parlamentario de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, advertiu de que a Xunta, dirixida por Alfonso Rueda, "hai tempo" que "decidiu autorizar a macrocelulosa de Altri". "Vai amañar todos os informes para conseguilo, con irregularidades de todo tipo e presións ao persoal da administración", incidiu.
"É un atentado contra Galicia, contra o territorio, contra o Ulla, a Ulloa e a ría de Arousa polo enorme impacto que vai ter a captación e, sobre todo, a vertedura de augas contaminantes no río Ulla, que ten diversas zonas xa protexidas e un estado de afectación ambiental moi importante, sobre todo no río Ulla, que ten diversas zonas xa protexidas e un estado de afectación ambiental moi importante", profundou.
O BNG subliñou que esta autorización "choca" coa actuación de "non autorización" do goberno de Noruega de "unha celulosa con moitas similitudes" á planta de Altri por "incumprimento" da Directiva Marco da auga e tamén polas "verteduras contaminantes a zonas protexidas" dos fiordos na zona de Oslo.
Neste sentido, avanzou que a formación nacionalista estudará o expediente administrativo da autorización para analizar, a partir de aí, as medidas a adoptar no ámbito político e administrativo para "impedir este atentado ambiental".
A OPINIÓN DA XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou que o informe realizado por Augas de Galicia sobre o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei concluíu que "cumpre" cos obxectivos ambientais marcados a nivel europeo, pola Organización Mundial da Saúde e pola lexislación Española e autonómica.
Así o explicou a conselleira en preguntas dos medios de comunicación este sábado en Ordes, onde asistiu ao izado da Bandeira Verde. Este, é un dos máis de 30 informes que os diferentes departamentos da Xunta deben emitir en referencia a Altri, para realizar a declaración ambiental.
Desta forma, afirmou que "non pode deixar" de estar tranquila desde o momento en que os informes "son favorables" e din que "cumpren coa lei". No informe de Augas de Galicia, asinado por sete técnicos, "houbo moita xente" que traballou no documento e "hai achegas" de estudos de universidades. "Eu confío totalmente nos funcionarios", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.