Por Alberto Quian | Madrid | 11/08/2020 | Actualizada ás 22:00
Máis carballos e menos piñeiros e eucaliptos. Esa é a consigna científica que debería guiar os responsables da conservación do patrimonio galego se pretenden protexer os xacementos arqueolóxicos do país do impacto dos incendios forestais e, máis concretamente, os petróglifos que abundan en Galicia.
Un estudo publicado agora na revista científica Science of The Total Environment evidencia que os carballos teñen “maior resistencia aos efectos do fogo” que piñeiros, eucaliptos e matogueiras.
Os investigadores avaliaron a influencia das formacións de vexetación circundante no impacto dos incendios forestais de outubro de 2017 no granito dun sitio arqueolóxico, o de San Salvador de Coruxo, en Vigo, onde se atopan petróglifos da Idade de Bronce.
Para iso, consideraron tres tipos de formacións de vexetación: matogueira, carballeira (nativa) e masas mixtas non nativas de piñeiros e eucaliptos. E analizaron os cambios físicos, químicos e mineralóxicos en mostras de rochas a distintas profundidades: de 0 (superficie) a 3 centímetros.
As análises mostran efectos distintos dependendo do tipo de vexetación circundante. Un dato relevante que destacan os investigadores é que a temperatura alcanzada na superficie do granito polo impacto do lume foi inferior a 380 °C en todos os sitios, pero foi máis baixa onde hai carballos.
Os científicos non detectaron cambios mineralóxicos por exposición ao lume en ningunha das mostras, en relación co tipo de vexetación circundante. Tampouco observaron cambios físicos atribuíbles ao efecto do lume no sistema de fisuras do granito, pero si cambios estéticos por alteracións de cor, pola deposición de materia orgánica e carbonizada, que mesmo penetrou nas incisións da rocha.
“A existencia de compostos derivados da lignina, lípidos e carbohidratos nas mostras do sitio da carballeira indica unha maior resistencia aos efectos do lume neste tipo de vexetación [carballos] que nos outros dous tipos [matogueiras e masas mixtas de eucaliptos e piñeiros]”, explican.
Aínda que se trata de resultados “preliminares”, os autores afirman que estes achados suxiren que “os carballos poderían actuar como cintos protectores ao redor dos sitios arqueolóxicos, ao reducir a severidade dos incendios forestais, debido á súa maior resistencia a ser queimados, e poderían amortecer os efectos daniños do lume en áreas naturais onde hai arte parietal [rupestre]”.
AVISO A AUTORIDADES
O principal efecto que producen os incendios no granito coñécese como termoclastia, é dicir, un quecemento das capas superficiais que fan que a pedra se dilate e as capas se desprendan, o que pode causar a desaparición total dos gravados.
Expertos veñen alertando desde hai anos dos danos irreparables que causan os incendios nos milleiros de petróglifos que zarrapican os montes galegos, para os que piden á Administración medidas preventivas como a creación de perímetros de seguridade ao redor destas mostras de arte rupestre.
Os achados en San Salvador de Coruxo animan aos científicos a pedir ás autoridades que se fixen eses cintos de seguridade mediante a plantación e conservación de masas de carballos arredor dos sitios arqueolóxicos.
A investigación está asinada por científicos do Departamento de Enxeñaría de Recursos Naturais e Medioambiente da Escola de Minas da Universidade de Vigo, departamentos de Edafoloxía e Química Agrícola e de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, Instituto Universitario de Xeología 'Isidro Parga Pondal' da Universidade da Coruña, Instituto de Recursos Naturales y Agrobiología de Sevilla (Consejo Superior de Investigaciones Científicas - CSIC) e Laboratorio Hercules da Universidade de Évora (Portugal).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.