Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 13:53
84 anos pasaron dese 17 de agosto de 1936 no que o intelectual galeguista Alexandre Bóveda foi asasinado pola represión do Bando Nacional. Longas décadas despois, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama a "anulación da sentencia que o condenou á morte" como parte da "rehabilitación" da figura do ourensán.
Así se pronunciou a voceira nacionalista na conmemoración do Día da Galiza Mártir, unha celebración desenvolta este luns 17 con motivo do aniversario do asasinato de Bóveda en Poio. Dende o BNG aproveitaron a xornada para lembrar que a formación rexistrou "diversas iniciativas parlamentarias" para institucionalizar unha data que ata o momento conta con escaso recoñecemento oficial.
Neste marco, a necesidade de anular a sentencia de Bóveda "e todas as sentencias ditadas na ditadura contra cidadáns galegas por motivos políticos, ideolóxicos, de raza, indentidade e diversidade sexual" forma parte dunha loita para "recuperar esa memoria histórica" e "evitar que se reproduzan erros do pasado", apuntaron en relación ó "auxe" da extrema dereita.
O BNG, HERDEIRO DO PG
A figura de Bóveda foi posta en valor pola política nacionalista, que vencellou "a grande vitoria" do intelectual á "existencia dun forte movemento nacionalista galego"; como segundo o BNG "constataron as últimas eleccións celebradas en Galiza". Neste aspecto, Pontón reivindicou o papel do BNG como formación que recolle o "legado da tradición do Partido Galeguista", que "defendía un futuro digno para todos os galegos e galegas.
"Somos a única forza política capaz de facelo posible, porque se queremos un país con futuro, con capacidade para autogobernarse, necesitamos partidos libres e o único partido libre en Galiza chámase BNG. Non temos as mans atadas pola estratexia que marcan desde Madrid, nin polo nefasto centralismo contra o que xa advertía Bóveda", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.