Un cento de veciños realizan a Rapa das Bestas sen turistas nin cámaras

Os veciños conseguiron reunir a 70 bestas para a súa desparasitación, marcado con microchip e rapa das crinas. A intención é continuar coas tarefas as vindeiras semanas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2020 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo celebrou o pasado domingo, 16 de agosto, durante todo o día, a segunda xornada de coidado das bestas no monte, unha medida coa que se pretenden suplir as tarefas que se fan durante a festa de comezos de xullo –cancelada este ano por seguridade sanitaria– e coa que se pretende garantir o benestar das bestas.

2ª xornada de coidado no monte pola Asociación A Rapa das Bestas e a veciñanza de Sabucedo.
2ª xornada de coidado no monte pola Asociación A Rapa das Bestas e a veciñanza de Sabucedo. | Fonte: Asociación A Rapa das Bestas

A xornada procedeu da mesma forma que a anterior, cun centenar de veciños percorrendo as zonas das Lamas, A Conla e o pé do Cávado para conseguir reunir a 70 bestas das mandas que habitan nestes espazos.

Despois desta labor, as eguas foron trasladadas ata o antigo peche das Lamas, onde se procedeu ao marcado con microchip dunha decena de poldras deste ano con persoal veterinario, á desparasitación interna de toda a cabana, algunhas rapas de crinas nas bestas que máis o precisaban e ao control e cambio de cabalos quincenos co obxectivo de favorecer un mellor desenvolvemento das mandas.

A xornada foi algo menos extensa ca do domingo anterior pero repetíuse o formato de comida campestre, que cumpríu escrupulosamente cos protocolos sanitarios, para tentar aproveitar o día e todas as horas de sol a pesares da intermitente néboa e a poalla.

A intención da Rapa das Bestas e da veciñanza de Sabucedo é continuar con estas mesmas tarefas ao longo das vindeiras semanas noutros montes da contorna, en base á dispoñibilidade da xente, para extender estas medidas de benestar e coidado ás mandas que aínda non se beneficiaron destas accións, xa que polo momento tratouse a unhas 150 eguas da cabana do Santo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta