Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/08/2020 | Actualizada ás 12:52
O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña acordou o sobresemento provisional e arquivo do procedemento aberto contra o capitán do Deportivo, Álex Bergantiños, pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O futbolista foi denunciado por LaLiga tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de wasap. "Da conversación mantida polo capitán co seu vestiario non se aprecia a existencia de delito algún", subliña a xuíza no auto, contra o que cabe interpor recurso de reforma e subsidiario de apelación.
"Resulta sorprendente a acusación realizada a Bergantiños de tentar alterar os resultados da competición, procedendo á súa detención de maneira intempestiva, trasladando mesmo efectivos policiais desde a capital para iso, sen practicar proba algunha con xogadores do outro equipo, por exemplo", recalca a instrutora no auto.
A maxistrada insiste en que o Centro Nacional Policial de Integridade no Deporte e Apostas (CENPIDA) non achegou "ningún elemento obxectivo e serio de proba ou indicio de criminalidade máis aló dunha conversación en ton de confianza do xogador cos seus compañeiros polas circunstancias en que se acordou celebrar o encontro contra o Fuenlabrada".
DESCARTA POSIBLE "AMAÑO"
A xuíza fai referencia no auto a que confluían "unhas circunstancias extraordinarias que facían ese partido dificilmente comparable con outros partidos, como é público e notorio, polo que o CENPIDA, tamén era coñecedor diso".
Así, recalca que o Deportivo, en caso de "amañar" o encontro, "só conseguiría tres puntos que non lle salvarían do descenso", polo que "sería o Fuenlabrada o que podería saír favorecido dun suposto amaño entre clubs, dado que era este equipo o único que, en principio, salvo o que se decida administrativamente, xogábase a posibilidade de xogar o playoff de ascenso".
En canto a un posible "amaño" de resultado para obter lucro con apostas deportivas, a maxistrada destaca no auto que "tampouco tería ningún sentido, tendo en conta o resultado do partido, vencendo o equipo da cidade herculina por dous goles a un, cun final vertixinoso no tempo de desconto, dificilmente previsible e moito menos arranxado entre os xogadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.