Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2020 | Actualizada ás 17:46
"Durante a pandemia ocorréuseme a idea e empecei a currar no estudo. Fíxeno desde a miña páxina web, para non ter que contar con Youtube nin con pasarelas de pago... Quería unha plataforma única". Así explica Tomás Ageitos a creación da Ponte dos Concertos, unha especie de "sala de concertos en liña" para tempos da COVID-19.
Con este proxecto, Ageitos ofrece ao artista, nun mesmo paquete, a gravación nun estudo profesional, reprodución en streaming, pasarela de pago e ata un chat para interactuar co público.
Nun momento no que proliferaron os directos por streaming de maneira gratuíta, este ribeirense lanzouse cun proxecto de pago que reivindica a calidade tanto no relativo ao son como na imaxe. O seu obxectivo: o público máis esixente.
Todo xorde desde A Ponte, o estudo profesional de gravación que lidera en Santiago desde hai 10 anos, nunha casa do século XIX restaurada cunha acústica "moi aberta". Alí, todos os equipos son analóxicos e prima a calidade, segundo explica o seu promotor, que entre outras dedicacións tamén é técnico de son de artistas como Xabier Díaz.
"TOQUE DIFERENCIADOR"
Conta que cando se lle ocorreu "a idea dos vídeos", durante o confinamento, empezou con sistemas dixitais, pero ao terceiro ou cuarto pasouse ao analóxico e agora é o único sistema que utiliza, para dar "un toque diferenciador" aos concertos que escape do HD e os pixels imperantes por redes sociais.
"O que ofrezo é unha sala de concertos en liña, todo nun paquete xunto. O artista ten unha chea de servizos xuntos, o son nun estudo profesional con audio analóxico, vídeo analóxico con cámaras Betacam que proporcionan un ton máis cálido, reprodución en streaming, pasarela propia de pago e un chat interactivo onde o grupo pode interactuar co público", expón.
O primeiro concerto en liña foi o de Paco Nogueiras o 16 de maio. E xa van 10: desde Fernando Barroso ata Chamaquito Pistolas, pasando por Susana Seivane (por duplicado), Margarita Mariño, Udra, Candorka Trío, Bravo & Morales Dúo e Miguel Lamas Quartet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.