A oposición planta a Jácome tras manter un pleno logo do positivo dun asesor do alcalde

O rexedor de Ourense xustifica a celebración do pleno ao asegurar que escoitou a "os especialistas sanitarios" e porque non houbo "contactos estreitos".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 24/08/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición do Concello de Ourense, PSOE, BNG e Ciudadanos, non acudiron este luns o pleno debido ao positivo en COVID-19 detectado nun asesor do alcalde. Ao rexedor acusárono de "irresponsable" por non aprazar a convocatoria.

En declaracións aos xornalistas antes do pleno, ás portas do Consistorio, os portavoces da oposición, Rafa Villarino (PSOE), Luís Seara (BNG) e Pepe Araújo (Cs) explicaron a súa decisión de non asistir ao pleno. Pola súa banda, o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, expuxo a súa postura durante unha breve intervención ao comezo dun pleno que se liquidou nuns 20 minutos.

GRUPO DA OPOSICIÓN

Por parte do PSOE, Rafa Villarino reivindicou estar "a representar a responsabilidade nesta cidade", así como "a defensa dos funcionarios" e "da saúde". Pola contra, censurou o comportamento do "bigoberno" de Democracia Ourensá e PP, que, nun momento no que existen activos ao redor de 200 casos de contaxiados por Coronavirus en Ourense, "no canto de actuar de forma exemplarizante, o que fai é tentar ocultalo". "Que máis se debe facer para que alguén interveña?", concluíu, aludindo ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao da Deputación, José Manuel Baltar.

En nome do BNG, o seu portavoz, Luís Seara, afirmou saber "que se estaba ante un goberno incompetente" e "incapaz", pero criticou que "tamén" actúa de forma "absolutamente irresponsable". "Tanto que é capaz de xogar coa saúde das persoas sen importarlle o máis mínimo", incidiu.

O portavoz de Cs, Pepe Araújo, avisou de que "parece que vale todo" cun "alcalde desnortado" e "facendo trastadas que deixan en moi mal lugar a imaxe desta cidade". Así, lamentou a "situación de inseguridade terrible" e apelou a "ver se alguén se centra e pon contra as cordas ao alcalde" dentro do seu propio partido.

O ALCALDE

Xa dentro do Consistorio, Jácome tomou a palabra para "aclarar o motivo" polo que se celebrou finalmente o pleno, e relatou que tras coñecerse o positivo, o venres, "automaticamente" foi comunicado á área de recursos humanos, que á súa vez o deu a coñecer ás autoridades sanitarias.

"Eu como alcalde interésome persoalmente do tema e ao final, ás nove e media ou dez da noite, recibo unha chamada dunha coordinadora COVID que me explica a situación", expuxo. Segundo contou o alcalde ourensán, esta persoa díxolle que o seu asesor, o contaxiado, fora "examinado e consultado" e que despois destas pescudas "entenden que no ámbito laboral non hai necesidade de activar ningún tipo de protocolo, xa que non houbo contactos estreitos".

Neste contexto, criticou que a oposición "pida un informe", cando, segundo dixo, non o hai pois as autoridades sanitarias non o emiten en caso de non considerar necesaria a adopción de medidas. "Non se dá informes aos que non teñen que facer nada", asegurou.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en rolda de prensa.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta