Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 12:29
Catro persoas faleceron nas últimas horas en centros hospitalarios galegos diagnosticadas con COVID-19, aínda que tres delas procedían da residencia de maiores do Incio. Deste xeito, a cifra total de mortos desde que comezou a pandemia ascende a 656 en Galicia.
En concreto, a Consellería de Sanidade informou do falecemento dunha muller de 62 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); doutra muller, de 84 anos, que estaba hospitalizada no Hospital Lucus Augusti (HULA); e de dous homes, de 88 e 59 anos, ingresados tamén no centro lucense.
En todos os casos presentaban patoloxías previas, sinalaron as mesmas fontes.
Os tres falecidos no HULA procedían da residencia do Incio, intervida pola Xunta e que rexistra un brote con máis dun centenar de afectados. Con este tres decesos, son xa 12 os mortos relacionados con este foco.
As mortes con COVID-19 subiron nas últimas semanas, co aumento dos gromos e os contaxios na Comunidade galega. Desde a 'nova normalidade' notificáronse un total de 37 decesos, o primeiro deles, o dunha muller o pasado 7 de agosto en Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.