Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2020 | Actualizada ás 20:30
O segundo nivel da Xunta mantense como caladoiro do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para a súa terna de conselleiros. As dúas caras novas do seu Executivo son "da casa", en palabras da contorna do mandatario galego, que inciden en que o líder do PPdeG non é coñecido polas súas 'fichaxes' estelares, senón por apostar pola "capacidade de xestión". E máis, remarcan, nun contexto de pandemia.
Pero o novo Gabinete tamén ratifica a confianza de Feijóo nun dos homes fortes do partido, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e en Francisco Conde, vicepresidente segundo e o seu amigo persoal, cuxas achegas ten en alta estima. Así mesmo, reforza o papel de Román Rodríguez, a cuxas mans volve Educación, a días de que empecen as clases e con incerteza nos distintos alicerces da comunidade educativa.
7.- ANXOS VÁZQUEZ, CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Estes son algúns datos biográficos e de perfil dos membros do noveno Goberno de Feijóo:
1.- ALFONSO RUEDA, VICEPRESIENTE PRIMEIRO E CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E TURISMO
Licenciado en Dereito e secretario municipal, Alfonso Rueda (1968) está casado e ten dúas fillas. É un dos dous conselleiros, xunto con Rosa Quintana, a conselleira do Mar, que acompaña a Feijóo no seu Executivo desde 2009. Considerado un dos homes fortes do partido, lidera o PP provincial de Pontevedra.
2.- FRANCISCO CONDE, VICEPRESIDENTE SEGUNDO E CONSELLEIRO DE ECONOMÍA, EMPRESA E INNOVACIÓN
O novo vicepresidente segundo, o monfortino Francisco Conde (1968), é licenciado en Ciencias Económicas e exerceu como profesor da Universidade CEU San Pablo en Madrid ata que Feijóo conquistou a Xunta en 2009 e fichouno como asesor. Feijóo ten en alta estima o labor de "Paco", como se lle coñece coloquialmente na contorna do presidente. Non en balde, encárgalle agora a "coordinación" económica cunha mensaxe: será "transversal e clave" para cada paso do Executivo.
3.- JULIO GARCÍA COMESAÑA, CONSELLEIRO DE SANIDADE
Pero a carteira con máis protagonismo no actual escenario, a de Sanidade, asúmea Julio García Comesaña (1968), quen desde xullo de 2019 era xerente da área sanitaria de Vigo, despois de ocupar a de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
4.- ROMÁN RODRÍGUEZ, CONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
Xunto con Sanidade, terá importantes retos que afrontar no arranque desta Lexislatura o lalinense Román Rodríguez (1968), en quen Feijóo redobrou a súa confianza, ao volver a reunificar baixo o seu mando as competencias de Educación. En 1999 foi elixido concelleiro polo PP en Lalín, con responsabilidades en Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo, Desenvolvemento Local e Portavocía. En 2009, obtivo acta de deputado e Feijóo fichouno como conselleiro no ano 2015.
5.- MARÍA JESÚS LORENZANA SOMOZA, CONSELELIRA DE EMPREGO E IGUALDADE
A segunda cara nova que sentará no Executivo autonómico será María Jesús Lorenzana Somoza (A Coruña, 1981). Licenciada en Dereito, entrou a formar parte da escala de letrados da Xunta por oposición en maio de 2007. Entre novembro de 2011 e febreiro de 2013 ocupou o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta. Posteriormente foi secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar. En outubro de 2015 foi nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente; e en outubro de 2018 pasou a ocupar o mesmo cargo na Consellería de Medio Rural.
6.- VALERIANO MARTÍNEZ, CONSELLEIRO DE FACENDA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA
Valeriano Martínez naceu en Aldán (Cangas) en 1961 e é licenciado en Ciencias Económicas. Desde 1985 é funcionario o corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda. Ata o seu nomeamento como conselleiro de Facenda en febreiro de 2015, exerceu como secretario xeral da Presidencia.
7.- ÁNGELES VÁZQUEZ, CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E VIVENDA
Natural de Melide, Ángeles Vázquez (1972) foi alcaldesa da súa localidade entre 2011 e 2016. Licenciada en Xeografía e Historia, desde outubro de 2015 forma parte do Gabinete de Feijóo como conselleira, primeiro de Medio Rural e despois de Medio Ambiente.
8.- FABIOLA GARCÍA, CONSELLEIRA DE POLÍTICA SOCIAL
Fabiola García (Ribeira, 1985) é licenciada en Dereito e un das fichaxes que, no seu día, Feijóo realizou no segundo nivel da Administración, xa que foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade entre 2016 e 2018. Previamente exercera como asesora en varios gabinetes da Xunta e ten experiencia na política local da súa localidade natal.
9.- JOSÉ GONZÁLEZ, CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL
O ourensán José González (1970) é un das fichaxes que Feijóo, do mesmo xeito que ocorre con Román Rodríguez, realizou no Grupo Popular. Cando o 'pescou' para o Executivo era deputado. Licenciado en Dereito, en 1997 ingresou no corpo superior de inspectores de Facenda do Estado.
10.- ETHEL VÁZQUEZ, CONSELLEIRA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Ethel Vázquez (Compostela, 1972) é enxeñeira técnica superior de Camiños, Canles e Portos, e ocupou diverso postos na Administración autonómica ata que, en 2014, foi designada conselleira por Feijóo.
11.- ROSA QUINTANA, CONSELLEIRA DO MAR
A conselleira do Mar, Rosa Quintana (1959), é licenciada en Ciencias Biolóxicas. Unha das dúas únicas caras que, xunto á de Rueda, pervive desde 2009 no Executivo de Feijóo, ten unha traxectoria profesional que sempre estivo ligada á pesca e á Administración autonómica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.