Arrinca o Delas Fest en Santiago coa intervención da muralista Xoana Almar

Plasmará a súa obra nunha fachada do complexo deportivo Santa Isabel e o sábado haberá unha xornada sobre mulleres e cultura urbana no Gaiás.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A muralista Xoana Almar inicia este mércores a súa intervención artística en Santiago, en concreto nunha das fachadas do complexo deportivo Santa Isabel. Farao dentro do Delas Fest, que o vindeiro sábado organiza unha xornada sobre mulleres e cultura urbana na Cidade da Cultura.

A segunda edición deste festival, que se define como o primeiro de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa, arrincou xa o pasado 24 de agosto e desenvolverase ata o 20 de setembro, este ano en catro concellos: Ames (coa participación de Fitz Licuado), Teo (Lida Cao) e Brión, ademais de Compostela.

A concelleira de acción cultural da capital galega, Mercedes Rosón, presentou o Delas Fest, iniciativa da cooperativa cultural 7h, como un proxecto para "contrarrestar o discurso radical da ultradereita".

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, valorou a súa finalidade de "visibilizar a igualdade de xénero", motivo polo que a Xunta optou por "reconducir fondos" destinados a grandes eventos cancelados pola covid-19 a iniciativas como este festival, que parte dunha campaña de micromecenazgo.

Pola súa banda, a comisaria, Clara Rodríguez, explicou que cada semana a intervención artística céntrase nun lugar, nesta ocasión en Santiago.

A muralista Xoana Almar, presente na rolda de prensa, preferiu non desvelar cal será o motivo da súa intervención, e respondeu que, aínda que o do muralismo segue "sen chegar a ser" un mundo "paritario", si conta "cada vez" con "máis mulleres", fronte ao ámbito do grafiti, máis "masculinizado".

CONCERTO DE HIGH PAW

Dentro do Delas Fest, o sábado haberá unha xornada sobre mulleres e cultura urbana no Gaiás, "destinada a fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector".

Enmarcada no fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 e parte do Delas Fest 2020, a xornada está integrada por sesións de análises e debate, un encontro de improvisación creativa con spray e un concerto da viguesa High Paw.

Presentación do Delas Fest. CAPTURA
Presentación do Delas Fest. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta