Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2020 | Actualizada ás 20:40
O director de Red Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentaron esta mañá a quinta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
Trátase da edición de setembro desta iniciativa, que contará este ano con outra convocatoria no mes de novembro. Deste xeito, os organizadores queren potenciar o fomento, estímulo e impulso do comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector na nosa comunidade autónoma, nun momento especialmente complicado pola situación derivada da pandemia pola Covid-19.
A edición de setembro 2020 de “Días Azuis do Comercio Galego” desenvolverase entre o 14 e o 30 de setembro, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións da nosa comunidade autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña diasazuis.com ou solicitar ó comerciante que faga o rexistro.
A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que achega os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.