O documental sobre Moncho Reboiras será proxectado esta fin de semana nas salas de Cinexpo en Pontevedra

O concelleiro de Política Lingüística, Alberto Oubiña, aproveitou a presentación para pór en valor a importancia "de exhibir cinema en galego en cinemas comerciais".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

'Reboiras. Acción e corazón', a película documental sobre Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, a última vítima mortal da ditadura franquista en Galicia, exhibirase este fin de semana nas salas de Cinexpo de Pontevedra

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, e o guionista e director do documental Alberte Mera, presentaron este mércores esta longametraxe con motivo da súa exhibición o sábado e o domingo, ambos os días ás 21,30 horas, e ademais a sesión do domingo contará cun coloquio no que participará o director.

A película combina 29 entrevistas de testemuñas con secuencias ficcionadas para ilustrar os momentos máis relevantes da vida deste sindicalista, político nacionalista galego e opositor á ditadura franquista.

Alberto Oubiña aproveitou a presentación para pór en valor a importancia "de exhibir cinema en galego en cinemas comerciais" e destacou o selo pontevedrés do equipo de rodaxe, con Jose Aragunde na dirección de fotografía, Samuel Lema na dirección de arte, Adrián Porima no son, e Tamara Andrés na produción. Tamén subliñou a vinculación do director coa cidade, posto que "Alberte Mera é de Vigo pero estudou no Campus de Pontevedra".

Pola súa banda, o director explicou que esta longametraxe reflicte "unha época dura e escura de Galicia e a loita de toda unha xeración por unha Galicia libre e xusta".

Alberte Mera asegurou que este documental salda unha "débeda histórica" coa figura de Moncho Reboiras e que tratou de "facerlle xustiza, a nivel técnico e artístico e niso puxemos todo o equipo o noso mellor empeño".

Tamén indicou que espera que a acollida que está a ter a película por parte do público e da crítica "sirva para dar un toque de atención e presionar á historiografía oficial e as altas institucións para que a Memoria galega tamén a teñan presente".

Rodaxe dunha película sobre a última vítima do franquismo en Galicia, Ramón Reboiras. FILME REBOIRAS
Rodaxe dunha película sobre a última vítima do franquismo en Galicia, Ramón Reboiras. FILME REBOIRAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta