Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/09/2020 | Actualizada ás 18:40
O Parlamento galego instou á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno central a reactivación dos traballos para lograr a "aprobación inmediata" do documento final da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico.
Fixérono a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, que contou co voto en contra os socialistas e a abstención do BNG, e que foi debatida na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego.
Nela, a deputada do PP Raquel Arias acusou o Goberno de Sánchez de esquecerse "desta estratexia" e de "desatención" ás políticas demográficas. Fronte a iso, reivindicou a xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e dos populares nesta materia.
"Galicia foi pioneira en políticas demográficas", expuxo na súa intervención, na que asegurou que "en poucas semanas" o Parlamento galego será "protagonista ao aprobar a Lei de Impulso Demográfico".
Na súa intervención, a deputada do BNG Olalla Rodil manifestou que iniciativas como esta demostran "a incapacidade" da Xunta nesta materia, culpando, ademais, á emigración desta situación. "Hai que recuperar a poboación que marchou deste país", incidiu.
Pola súa banda, o deputado socialista Julio Torrado cuestionou que na proposición non de lei haxa "un tanto por cento de propaganda e outra parte de relato de discurso frontista co Goberno". Tamén apelou aos proxectos postos en marcha polo actual Executivo central. "Non imos ser partícipes dunha iniciativa de autobombo e disparar porque si ao Goberno de España".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.