Si non o fixo, debería facelo de inmediato, ante un asunto que pon en perigo 10.000 postos de traballo, e instar de paso á Fiscalía Anticorrupción a poñerse ao choio, como xa fixeron, abrindo senllos expedientes, a CNMV, a Axencia Tributaria, e os pequenos inversores, que veñen de querelarse ante a Audiencia Nacional.
Parece ser que se extraviaron 1.500 millóns do balance de Pescanova e quizais algún deses millóns sexa diñeiro público, de todos nós. “Millóns liofilizados ao vapor”: ¡como avanza o I+D+i con diñeiros do IGAPE!
O Titanic da pesca galega, o Elcano da acuicultura mundial, o buque insignia da retórica empresarial, afúndese. Segundo fontes da banca acredora, “o grupo tería unha débeda que pasaría os 2.500 millóns de euros, 1.000 millóns máis dos recoñecidos, aínda que a cifra total aínda se descoñece” (CincoDías). ¿Como se poden evaporar 1.500 millóns de euros nun balance? ¿Por que cloaca se foron?
Para gañar tempo, no medio dunha guerra de accionistas sen cuartel, Pescanova despide a súa auditora, BDO, firma de prestixio internacional con 1.118 oficinas en 135 países, que ten entra os seus clientes a Telefónica, Bankinter, Seur, Porsche, Michelin, Banesto, Santander Central Hispano, Correos, Grupo ING, BBVA, Ferrovial, Cepsa, Codorníu, Repsol e, ata a semana pasada, a Pescanova.
Non parece que cortala cabeza de BDO sexa o problema nin a solución: ¿inventáronse os de BDO os balances como Bárcenas os seus papeis? ¿escribirían a débeda a man nunha libretiña?¿Hai tamén contas en paraísos fiscais? A banca encargou unha revisión a KMPG “que está atopando moitas resistencias para acceder ás contas do grupo”. Mentres, a penosa web oficial de Pescanova inclúe como terceira noticia esta de o ano 2010: “O Presidente de Pescanova, Galego do Ano”. Pronto terán que retirarlle o título como aos señoritos das caixas de aforro, Méndez e Gayoso, as medallas de ouro da Coruña, Lugo e Vigo.
¡Caixas baleiras, empresas de fume, país de botafumeiro!