Quedou patente outra vez, aínda que xa van moitas tralo escándalo eólico, a débeda pública de 5 mil millóns que don Alberto soliño lle meteu ao País, a parálise dos sectores punteiros, o desmantelamento das políticas activas de emprego ou cobertura social, ou tamén agora co último episodio das fotos co amigo capo da mafia rianxeira que evidencian que máis que un pecado de xuventude que expiar é toda unha haxiografía dun xeito de entender a política, dunha filosofía de vida e sobre todo é a foto finish da exemplaridade dos cargos ou da honestidade que gasta o Partido Popular enaltecendo ou engulindo aos seus propios fillos tal que Saturno e segundo a que barón interese.
Malia todo, Galiza pode esperar. Non lle imos pedir agora a un neno dunha aldea ourensá que nin toca o piano nin foi á Sorbona, onde por certo as taxas universitarias están por debaixo das nosas, que resolva en 45 días moitos problemas xa endémicos e por suposto todos herdados dese maldito bipartito que a pouco nos borra do mapa. A verdadeira loita que está a consumir o rédito político de Feijoo, xa antes da exclusiva das fotos malditas daquel verán, é contra todo un Partido Popular que está a descomporse de arriba á abaixo o mesmo que o World Trade Center despois do bombazo Bárcenas en plena cúpula. Ata pode que haxa xa algún cadáver político nas escaleiras ou en caída libre desde unhas fiestras das que Feijoo trata de zafarse como sexa coa súa austera castidade xudicial ou mesmo empurrando se fai falla a quen non poida demostrar o mesmo nivel de virxindade.
Desde logo, a máxima da que o poder corrompe non quita de que quen chegara ao poder non viñera xa corrompido, e falando do Partido Popular, dun presidente autonómico, e sendo a corrupción un fenómeno xa irreversible cando aspira a podrecer non só ao individuo que afilia no seu podio de privilexios, senón á alma enteira dunha institución ou mesmo dunha nación, pódese, cando menos, contemplar a hipótese do titular.
O grave erro do presidente, non o de xuventude senón o imperdoable, é que con todo o que está caendo e con toda a absoluta responsabilidade que lle deron dúas maiorías, vese pouca purga real no PP para tanta confianza depositada, pouca loita polo desterro ou cando menos desapego pola corrupción, por non dicir ningunha. Para mostra, o incrible e agardado caso do procesamento do ex presidente Baltar e alcaldes colaterais os que prudentemente aconsellaron aprazar a súa militancia no PP no canto dunha condena radical. O que sen ningunha dúbida indica que no caso da corrupción do presidente, asumida xa como parte indeleble, a súa erradicación é unha quimera con un único desenlace posible: o escándalo xudicial enramado na estrepitosa descomposición total do PP. En Madrid e na China.
En verbas do filósofo Giordano Bruno, acaso non é o último corrompido o principio do xerminado. Só é cuestión de tempo e da veleidade de don Santiago Rey.