Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 09:00
Primeiro foron os ríos, agora son os areais. A plataforma ADEGA vén de convocar, un ano máis, a Limpeza Simultánea de Praias, unha xornada de voluntariado ambiental que ten como propósito concienciar á sociedade na loita contra a contaminación mariña. Esta novena edición terá lugar o vindeiro sábado, 17 de outubro, nunha limpeza simultánea que, agardan, chegue a "ducias de areais galegos".
O obxectivo da xornada, pois, é "denunciar unha problemática ambiental" que implica máis alá das propias organizacións ecoloxistas. Así, segundo destaca a asociación, á xornada están chamados a participar centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e, en suma, "entidades de todo tipo".
Á marxe da "chamada de atención" á sociedade, o obxectivo da xornada é conseguir eliminar "parte dos residuos" que se atopan nas praias, unha problemática que -destacan- devén dun modelo de consumo e produción "baseado no modelo 'usar e tirar'". As críticas da plataforma oriéntanse, neste caso, á "deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación".
900 KG DE LIXO RECUPERADOS
A consecuencia deste desleixamento son os "10 millóns de toneladas de lixo" que cada ano rematan nos océanos, unha cifra engordada tanto pola industria do mar como polos fogares. Na edición do ano pasado da Limpeza Simultánea de Praias retiráronse do litoral galego preto de 900 kg. de residuos, principalmente microplásticos, cabichas e pauciños de limpar as orellas, e participaron máis de 800 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.