Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 22:15
Novas críticas ó proceso legal contra Causa Galiza e Ceivar. A menos de un mes de que arrinque o xuízo ós doce encausados na Operación Jaro sucédense as voces que cargan contra unha “vulneración de dereitos fundamentais” na que estaría a incorrer a Audiencia Nacional. Ese é a denuncia do Observatorio Esculca, que vén de emitir un extenso informe no que carga contra un proceso sobre o que pende a polémica.
O estudo de Esculca analiza as implicacións legais da investigación dende a etapa policial ós xulgados. A conclusión é clara: o proceso incorreu nunha “vulneración” de ata 5 dereitos fundamentais, pasando dende a liberdade de expresión ós “dereitos de participación política”. As denuncias do observatorio súmanse así ás críticas desenvoltas semanas atrás polo letrado de 9 dos acusados de Causa Galiza. Tal e como informou GC, os servizos xurídicos da formación acusaron entón ó Tribunal Constitucional por un “incumprimento de garantías básicas” que, porén, viría dende os albores da investigación policial.
"ELASTICIDADE" DO TERMO "TERRORISMO"
A detención dos membros de Causa Galiza en 2015 foi celebrada polo entón Ministro de Interior Jorge Fernández Díaz -hoxe imputado no caso Kitchen- como un golpe ó terrorismo. A cuestión terrorista latexa ao longo da investigación, tratándose -segundo o observatorio- do elemento clave que permitiu botar adiante o proceso.
Neste aspecto, Esculca destaca unha “progresiva expansión da noción de terrorismo”, de forma que este concepto remataría abranguendo que ata o momento eran conductas legais. “Actividades clásicas de disidencia política, como mobilizacións e manifestacións populares, son calificadas de natureza terrorista”, destacan dende o observatorio.
UN PROCESO BAIXO SOSPEITA
O informe critica, nesta dimensión, que tales actividades sexan consideradas delitos de terrorismo cando “son desposuídas da compoñente xurídica esencial”, é dicir, a violencia. E é que, sempre segundo a versión do observatorio, as actividades desenvoltas baixo a marca de Causa Galiza foron “públicas, pacíficas e conformes á legalidade vixente”.
A alegación de Esculca únese así á denuncia da propia formación de que o Tribunal Constitucional devolvera á Audiencia a xestión das súa propia “falta de garantías”, segundo destacaron uns meses atrás. Neste aspecto, o equipo legal de nove dos acusados criticara que a investigación fora desenvolta “sen ter constancia dun delito”, senón “para buscalo”. A Fiscalía pide un total de 102 anos de prisión para os acusados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.