Manuel Fernández de Sousa Faro, capitán Pescanova, empresario exemplar, galego ilustre. Entre decembro e marzo pasados vendeu en segredo 1,98 millóns de accións de Pescanova, que representan o 7% do capital, e polas que ingresou 31,5 millóns de euros. Ler documento.
Presuntamente fixo uso e abuso de información confidencial: ata onte mesmo ocultou a venda á CNMV, estando obrigado a comunicala, así como aos membros do Consello de Administración e aos auditores. En realidade escondeu a información vergoñenta de que estaba “facendo caixa” a todo o mundo. Logo, para salva-la cara, dixo (hoxe mesmo) que prestara 9,3 a Pescanova, cun interese do 5% anual. E meteu 22,2 no peto. Un prócer.
Ao ocultar ante o Consello a súa menor participación de capital e conseguinte perda de dereitos, mantivo unha sobrerrepresentación que xa non lle correspondía, da que se valeu para tomar decisións viciadas, por exemplo, cesar ao auditor, cese que BDO rexeitou enerxicamente, e que agora terá que confirmar ou non o Xulgado Mercantil de Pontevedra.
Cortinas de fume que serán revogadas nos Tribunais, enredando á súa compañía, da que se proclama salvador, nun labirinto de xuízos e querelas, nunha madeixa da que Pescanova nunca sairá ou sairá debilitada e troceada. A lectura dos documentos que constan na CNMV, que por certo ten web en galego, é inequívoca.
O asunto non é para coñas e ao presidente Feijóo colleulle cun pé en México e outro trastabillado polas bronceadas fotos. Á súa volta escoitaremos verbas como “a prudencia que recomenda o exercicio da responsabilidade” ou “todo o noso apoio para atopar unha solución, etc.”; mais o único exercicio de responsabilidade posible é coller o delito polos cornos e plantarlle cara ao presunto delincuente. En Twitter hai dúbidas sobre si foi roubo ou estafa.
Exercicio de responsabilidade por parte do Presidente da Xunta, que tantas veces ten avalado a Manuel Fernández en público e en privado, será esixirlle toda a información e xustificar ata o último euro o gran buraco negro que crece como a espuma. ¿Ninguén sabía nada nos corrillos da Xunta? ¿Non hai en San Caetano alguén que estea na pomada? Mala, moi mala información, Presidente, ou poucas ganas de decatarse.
Mentres algúns turistas contemplan o atardecer, as ratas abandonan o barco e o barco afúndese.