Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/10/2020 | Actualizada ás 16:30
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece a traxectoria de cinco científicos galegos coas Medallas de Investigación 2020. Os galardoados son: Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luís Miguel Botana, da USC; así como Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, da UVigo.
As medallas entregaranse este xoves, 8 de outubro, con motivo do Día da Ciencia en Galicia nun acto que contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio.
Ademais, homenaxearase a figura de Andrés Comerma, o enxeñeiro que deseñou o Dique da Campá no arsenal de Ferrol. Tamén se entregarán os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos de prestixio que desenvolven a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cinco seccións diferentes.
GALARDOADOS
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de 'Matemáticas, Física e Ciencias da Computación', correspóndelle a Carlos Salgado (Monforte de Lemos, 1971), director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías dá USC, único centro galego ata agora con distinción de Unidade de Excelencia María de Maeztu. Está á fronte dun grupo referente internacional na teoría e fenomenoloxía de interacción forte en condicións de altas temperaturas e densidades, relativa á materia que formaba todo o universo uns microsegundos despois do Big Bang.
O catedrático da UVigo Jesús Simal-Gándara (Santiago, 1966) recibe o xoves a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de 'Química e Xeoloxía'. É responsable do Grupo de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Uvigo, grupo de referencia competitiva da xunta.
Luís Miguel Botana (Catoira) recibe a medalla Ánxeles Alvariño, da sección de 'Bioloxía e Ciencias da Saúde'. Catedrático de Farmacoloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC, a súa actividade cientifíca céntrase na farmacoloxía e detección de toxinas mariñas, así como no uso de produtos do mar para fármacos.
O catedrático da Uvigo Xosé Ramón Nóvoa (Dozón) foi o elixido pola sección de 'Ciencias Técnicas' para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Doutoramento en Química pola USC, a súa actividade céntrase nas aplicacións industriais da electroquímica.
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de 'Ciencias Económicas e Sociais' da RAGC, destaca a traxectoria de José Manuel Sabucedo (Vigo, 1955), catedrático de Psicoloxía Social na USC. É coordinador do grupo de Comportamento Social e Psicometría Aplicada e membro do instituto CRETUS. Nos últimos anos traballou na conceptualización da obrigación moral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.