Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/10/2020 | Actualizada ás 22:00
O sector cultural segue sendo un dos máis castigados pola crise do coronavirus. E, a pesar das boas e grandes palabras que o Goberno galego ten cara a este sector, todo queda en boas intencións. A último conflito xorde a raíz das axudas dos Proxectos Culturais Xacobeo 2021, un fondo que pretendía ser un dinamizador do tecido cultural do país e que resultou quedar moi cativo para as enormes necesidades e problemas que presenta o feble tecido cultural galego pola crise do coronavirus.
E é que a Xunta decidiu deixar nun "limbo" a case 600 empresas e autónomos que presentaron un proxecto a estas axudas. A pesar de presentalos antes do prazo estipulado, 31 de xullo, non foron nin tan sequera avaliados. A consellería decidiu avaliar os que primeiro se presentaron, a pesar de que isto vulnera a Lei de Procedementos Administrativos. Cando as axudas remataron, rematou tamén o proceso selectivo.
Un sistema que non poucas empresas culturais cualifican xa de "chafalleiro", a pesar de que a intención das axudas era boa e "moi necesaria" para o sector nos tempos de crise que corren. Estas axudas foron impulsadas por Política Lingüística no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19. Os obxectivos; dinamizar a lingua propia de Galicia, "abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais" e inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da Covid-19 "para que ninguén quede fóra". Pero, ao final, foron case o dobre as que quedaron "fóra", que as que se aprobaron.
A estas axudas podían presentarse autónomos ou empresas privadas e entidades culturais sen ánimo de lucro que podían recibir un apoio de ata 4000 € no caso dos autónomos e de ata 10 000 € no caso das empresas e entidades culturais. As axudas poden financiar ata o 100 % dos proxectos que podían ser virutais (vídeos, música, películas, documentais, fotografías...)
presenciais (actuacións teatrais, musicais, exposicións...) ou outros servizos: materiais e produción.
FONDO DE 2,5 MILLÓNS
A Resolución do 22 de maio de 2020, ampliouse varias veces debido, precisamente, ao volume de proxectos presentados. Estableceu no apartado 6 da convocatoria que o orzamento inicial era de 1.500.000,00 €, pero o referido crédito ampliouse ata 2.500.000,00 €, con cargo aos orzamentos xerais de Galicia para o ano 2020, "coa pretensión de atender un número maior das solicitudes presentadas".
Pero, tras finalizar o prazo de solicitudes e de publicar a cuarta resolución de proxectos
seleccionados, o número total de proxectos presentados foi de 1.093. Delas, Política Lingüística só aprobou 353, desetimou 96 e excluíu outros 45. No "limbo" quedaron 600 proxectos que chegaron, sobre todo, nas últimas semanas e días do prazo legal.
O que semellaba que ía supoñer un "revulsivo" para o sector cultural, converteuse nun crebacabezas para a Consellería de Cultura pola cantidade de críticas e chamadas recibidas nos últimos días. "Para a selección dos novos proxectos atenderase a criterios de selección baseados na calidade e viabilidade dos proxectos, a súa correlación cos prezos de mercado e a súa idoneidade para cumprir os obxectivos da convocatoria que, de ser o caso, se publique, sempre que exista dotación orzamentaria", insiste Política Lingüística nunha orde pubicada.
"Os demais proxectos que non foron atendidos por esgotarse o crédito dispoñible para a
convocatoria do ano 2020 serán susceptubles de constituír unha bolsa de proxectos que serán avaliados e, de ser o caso, seleccionados para atender as necesidades do órgano convocador sempre que exista crédito dispoñible", apunta esta secrataría. É dicir, que todo queda a espensas de que haxa diñeiro. E, polo momento, ese diñeiro non chegará, cando menos ata xaneiro, xa que o propio Feijóo anunciou que non terá os orzamentos do 2020 ata, mínimo, ese mes.
SISTEMA "TRAPALLEIRO"
"O problema é que veñan dicir agora isto cando xa saben de antemán que non vai a haber un can máis", apunta unha empresa do sector consultada por GC que se amosa tremendamente crítica co sistema "trapalleiro" utilizado por Política Lingüística para avaliar os proxectos. "O que tiñan que facer é avaliar todos os proxectos xuntos e non os que chegaron antes", aclara outro autónomo consultado. E un terceiro vai máis alá, "o que semella é que algúns dos dos proxectos aprobados (ver a listaxe aquí) estaban na lista de preferencias do señor secretario xeral".
Fontes da Consellería de Cultura consultadas por GC, destacan que se viron "desbordados" polo gran número de proxectos recibidos, "moitos deles nos últimos días". Con todo, insisten no diñeiro investido no sector cultural, 2,5 millóns de euros, cando en principio ía ser 1,5 millóns. "Ampliamos o crédito precisamente polo gran número de peticións recibidas, pero non pensabamos que ían ser tantas", aclaran. De feito, noutras convocatorias anteriores o número de proxectos presentados nunca superara o medio milleiro. Pero, desta volta, a Xunta non contou que hai un virus que provocou que o sector estea paralizado desde marzo.
"Normal que se teñan presentado ese número de proxectos e eu mesmo pensei que ían ser máis. A xente está desesperada. Hai xente que non traballa desde marzo. Eu mesmo non fixen máis que un espectáculo nos últimos oito meses", indica un autónomo do sector. "O que non pode ser é que se mime tanto ás grandes empresas e mesmo a sectores como ao do ocio nocturno e nós teñamos que pelexar polas migallas", engade.
FUTURO "NEGRO" PARA OS PROXECTOS RESTANTES
O futuro dos proxectos que quedaron no "limbo" é moi negro. O Xacobeo xa non depende agora de Cultura, senón da Consellería da Presidencia que pode ter outros obxectivos "moi diferentes" aos de Cultura. "Ademais non está atado agora aos compromisos adquiridos por Política Lingüística", suliñan as fontes consultadas que indican que as preferencias "van máis polo sector turístico que polo sector cultural". En todo caso, desde Cultura insisten, se hai algún orzamento dispoñible "tentarase aprobar máis proxectos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.