Por Galicia Confidencial | A Coruña | 06/10/2020 | Actualizada ás 21:35
Son xa máis de 500 as persoas que sainan un manifesto de "solidariedade" cos 12 independentistas galegos procesados na "Operación Jaro". A sinatura deste manifesto ten conquerido unir nun manifesto a dirixentes de todo o nacionalismo galego tanto sindical como político, entre eles, aos históricos dirixentes políticos Xosé Manuel Beiras, fundador de Anova, ou Francisco Rodríguez, un dos grandes dirixentes históricos do BNG e da UPG.
Ademais, destacan a sinatura dos secretarios xerais da CIG e da CUT, o presidente de Fruga e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e lideres políticos como Nestor Rego Méndez Ferrin, Carlos Morais, Antón Sánchez, Noa Presas, Ana Miranda, Rubén Cela, Paco Sebio, ou Goretti Sanmartin. Tambén personalidades do mundo da cultura como Suso de Toro, María Xose Silvar "Ses", Xurxo Souto, Antón Dobao ou Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
A lista inclúe, ademais, integrantes de movementos sociais, feministas, ambientalistas, da mocidade, do movemento veciñal, do ambito academico, ensaístas, historiadores ou economistas. Todos e todas rexeitan o xuízo a 12 persoas vinculadas ás organizacións Causa Galiza e Ceivar que ten lugar os próximos días 19, 20 e 21 na Audiencia Nacional e que están acusadas de “pertenza a banda criminosa” e “enaltecimento do terrorismo”. Uns feitos polos que a Audiencia nacional pide penas que van de 4 a 12 anos.
O manifesto di que non "existe fundamento real" que ampare as acusacións e "muito menos as peticións de condena que se solicitan". "Non podemos observar con pasividade o desenvolvemento de operacións de montaxe policial e de impulso de intentos de criminalización e ilegalización de organizacións políticas, independentistas neste caso, porque máis alá do seu obxectivo concreto e próximo, tolerar estas derivas implicaría aceptar o recorte de dereitos e liberdades", recolle.
Neste sentido, destaca que as peticións de condena formuladas forman parte fundamental dunha resposta "con clara inspiración autoritaria e represiva, inserida lonxe dos valores de tolerancia e liberdade que deben guiar a acción xudicial e fiscal". Por iso, piden á Audiencia Nacional que absolva as persoas encausadas, lle restitúa todos os seus dereitos, así como os das organizacións acusadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.