Lois Patiño: "A experiencia do confinamento foi tan forte que as películas se van ver tinguidas dese prisma"

Trae a Curtocircuíto 'Lúa Vermella', que aborda o duelo, o fluír do tempo e o imaxinario galego, e que "respecta a distancia social"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

Que un director galego da talla de Lois Patiño estree en Galicia o seu último traballo da man dun festival de cinema non fose nada excepcional ata hai pouco. Pero si o é para 'Lúa Vermella', que recala estes días no Curtocircuíto de Santiago tras un periplo de varios meses afectados pola pandemia da covid-19, atrasos na distribución e incerteza para un traballo tinguido en boa parte de introspección e reflexión, e que nace ao lado máis místico e de raíz da propia esencia galega.

Lois Patiño, durante a rodaxe de Lúa Vermella
Lois Patiño, durante a rodaxe de Lúa Vermella | Fonte: TON ARIAS.

E é que a evolución da pandemia tivo un efecto directo en 'Lúa Vermella', que acudiu ao Festival de Berlin no mes de febreiro con intención de estreala en Galicia en marzo, "pero houbo que pospolo", admite o director, nunha entrevista a Europa Press na que tamén reflexionou sobre os efectos que este período e as experiencias asociadas terán, non só na sociedade, se non no cinema e a creación dos próximos anos.

"A experiencia da pandemia foi tan forte para todos, o confinamento, que todas as películas vanse ver tinguidas deste novo prisma", sostén Lois Patiño.

'Lúa Vermella', infestada de personaxes estáticos cos que se aborda a introspección, a forza da paisaxe e "a natureza maleable do tempo", é unha película que "xa respecta a distancia social", chancea o seu director, que incide no seu carácter "aberto" a que o propio espectador "complete" o discurso. "Nese oco que se lle deixa ao espectador, esta experiencia será o que sirva para completar traballos como este", reflexiona.

CHEGADA A GALICIA

'Lúa Vermella' chega a Galicia sete meses despois do inicialmente previsto, e faino no marco do festival Curtocircuíto de Santiago, algo que o director agradece. "Os festivais en Galicia son o ecosistema fundamental para o cinema", recoñece Lois Patiño, para quen o Novo Cimena Galego "non sería posible sen estes puntos de encontro". "Poder estar aquí é unha satisfacción e unha alegría", sinala.

Do mesmo xeito, e tendo en conta a situación actual post-covid, Lois Patiño incide na capacidade destas citas para "reinventarse constantemente" e "adaptarse ás circunstancias" presentes. En concreto, con 'Lúa Vermella' e Curtocircuíto, facendo dous pases con capacidade reducida e levando o festival ao terreo en liña. "Nestes momentos toca hibridar, facer hibridacións entre o en liña e o presencial, para poder seguir e chegar ás persoas", destaca.

A NATUREZA DO TEMPO

As películas de Lois Patiño "normalmente parten da vontade de explorar novas linguaxes cinematográficas", o que en 'Costa da Morte', o seu primeiro longo, era "a inmensidade" e "a distancia", en 'Lúa Vermella' é "a natureza maleable do tempo", dun "tempo que transcorre" pero "está paralizado para a figura humana".

Patiño pon o foco na dicotomía entre "tempo exterior e interior" a través da "introspección" das figuras humanas --os propios habitantes dos escenarios nos que foi rodada--, que están "ensimesmadas" e inmóbiles, no "tempo da conciencia". É, en palabras do seu director, "unha película que transcorre nun limbo entre a vida e a morte".

Precisamente a morte, cos seus ritos asociados e o proceso de duelo, tamén están presentes neste traballo, que describe o duelo de todo un pobo pola desaparición dun veciño no mar. A "alma en pena" por duplicado --o propio morto que non pode descansar e os veciños ancorados no duelo-- enlázase así cos elementos míticos da cultura galega ligados ao sobrenatural e ao fantasmagórico.

Foi a historia real do Rubio de Camelle, un mergullador que rescatou máis de 40 cadáveres do fondo do mar, a que levou de novo a Lois Patiño á Costa da Morte, aínda que a súa intención inicial fora a de "traballar noutra zona". "Pareceume que a súa historia pechaba tan ben co proceso de duelo... que nos fixo volver á Costa da Morte", recoñece o director.

De forma paralela, desenvolveu un labor de documentación e "traballo de campo" en relación ás lendas mitológicas galegas asociadas á morte, como a Santa Compaña ou as bruxas. "Entrevistamos en Camariñas a unhas 40 persoas, para saber como de vivas seguen estas crenzas hoxe en día, e constatamos que polo menos sete persoas viran fantasmas ou a Santa Compaña, e que a moitas lles quitaron o 'aire de morto'", lembra o director.

E é que a vinculación de Lois Patiño coa Costa da Morte, unha paisaxe dao que se confesa namorado, tivo en si mesmo unha orixe mística. "A primeira vez que fun á Costa da Morte fun ao enterro de Man --o alemán de Camelle--, así que para min sempre foi un espazo mítico antes que real", confesou.

Lois Patiño define a galega como unha "realidade translúcida" na que o físico e o sobrenatural danse a man e na que o ser humano "intervén na paisaxe dotándoo de espiritualidade", á vez que a paisaxe "se vai introducindo no ser humano". Todo iso, baixo a luz dunha 'Lúa Vermella'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta