Arde a casa de Teo onde sucedeu o asasinato da nena Asunta Basterra

Axentes da Garda Civil desprázanse á vivenda para tomar mostras ante a posible apertura dunha investigación.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2020 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

Un incendio calcinou a planta baixa da vivenda de Teo (A Coruña) onde en setembro do ano 2013 foi asasinada a nena Asunta Basterra. As chamas, segundo a información facilitada polo CIAE 112, declaráronse ao fío das 03,00 horas da madrugada e calcinaron parte do inmoble, situado na Póboa.

Portal da vivenda de Teo onde ocorreu o asasinato de Asunta Basterra en setembro de 2013.
Portal da vivenda de Teo onde ocorreu o asasinato de Asunta Basterra en setembro de 2013. | Fonte: Europa Press.

A casa é propiedade de Rosario Porto, condenada xunto ao seu exmarido Alfonso Basterra a 18 anos de cárcere polo asasinato da súa filla Asunta, que tiña 12 anos cando morreu.

Segundo os feitos probados nunha sentenza ratificada polo Supremo, Asunta faleceu o 12 de setembro no chalé de Teo propiedade da súa nai, quen trasladou o cadáver a unha pista forestal na que foi atopada horas despois por un veciño da zona.

O xurado popular do xuízo celebrado dous anos despois determinou a culpabilidade dos proxenitores, que fixeron un plan conxunto para acabar coa vida da pequena, á que forneceron sedantes desde tres meses antes da súa morte.

Ambos permanecen en prisión, Alfonso Basterra no centro penal de Teixeiro e Rosario Porto en Ávila, onde foi trasladada na primavera deste ano.

Na mañá deste domingo, membros da Garda Civil desprazáronse á casa de Teo para tomar mostras ante a posible apertura dunha investigación para esclarecer as causas do incendio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta