Por E.P. | Madrid | 15/10/2020 | Actualizada ás 16:15
O Bloque Nacionalista Galego (BNG), EH Bildu e a CUP pediron este xoves a "absolución" para os doce independentistas galegos que serán xulgados entre o luns e o mércores da próxima semana na Audiencia Nacional, ao seu xuízo, por unha "montaxe policial e xudicial".
Representantes destes partidos, xunto con Izquierda Castellana, a Coordinadora 25S e a organización xuvenil Yesca, mostraron a súa solidariedade cos acusados pertencentes ás organizacións Causa Galiza e Ceivar nunha rolda de prensa que ofreceron fronte ao Congreso dos Deputados.
No acto participou tamén un dos procesados, Joam Peres, quen defendeu que estas dúas organizacións actuaron sempre na "máis absoluta legalidade" e rexeitou as acusacións de pertenza a banda armada e enaltecemento do terrorismo e a petición dun global de 102 anos de cárcere á que se enfrontan.
Na mesma liña pronunciáronse os deputados Néstor Rego (BNG), Bel Pozueta (EH Bildu) e Albert Botrán (CUP), este último por carta posto que non se desprazou a Madrid polas restricións sanitarias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.