Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2025 | Actualizada ás 15:32
Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso lamentaron que o Goberno de Sánchez, formado PSOE e Sumar e "apoiado polo BNG", consumase outra "afronta inaceptable" a Galicia cun novo bloqueo ao debate da transferencia da titularidade da AP-9. Nun comunicado, os populares denuncian que este mesmo martes a Mesa do Congreso dos Deputados acordou a "19ª prórroga no prazo de presentación de emendas á proposición de lei relativa a esta cuestión cuxa toma en consideración polo procedemento de urxencia foi aprobado no mes de xuño do ano pasado". Un novo bloqueo que, segundo sinalan, fai que os adiamentos na tramitación desta iniciativa ascendan a 34 desde a chegada de Sánchez á Moncloa.
"A Mesa do Congreso, seguindo as instrucións de Pedro Sánchez, non ten inconveniente en desatender, unha vez máis, a proposta unánime do Parlamento de Galicia de que esta transferencia se tramite na comisión correspondente e para que poida traballarse na elaboración do ditame", expresa o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentable do Congreso, Celso Delgado. O parlamentario considera este "boicot", que "conta co beneplácito do PSOE galego un novo desprezo inaceptable á comunidade autónoma e a todos os galegos e galegas", e asegura "non entender como o BNG apoia constantemente a este Goberno".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.