Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2020 | Actualizada ás 14:36
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que "actúe e tome todas as medidas necesarias" para solucionar o problema de turbidez nas augas do río Eume que impide o abastecemento á poboación de Pontedeume desde o pasado sábado.
"Que limpen o encoro, que a concesionaria actue para que este río non volva dar esta imaxe de turbieza, tan nefasta, e para garantir o acceso á auga aos veciños e que os que viven dos recursos pesqueiros non teñan riscos e preocupacións por este escenario", manifestou.
Gonzalo Caballero desprazouse este venres á zona afectada do río Eume para comprobar o estado que presenta este recurso fluvial xunto ao alcalde de Pontedeume, o tamén socialista Bernardo Fernández.
Na visita, Gonzalo Caballero pediu á Xunta que faga pública a información de todas as análises e analíticas das que dispón en relación á situación do río, así como que acometa os investimentos necesarios na depuratora para que non se produza unha situación igual neste municipio.
O xefe de filas dos socialistas galegos considerou que queda demostrado que a Xunta ten "unha falta de medidas á hora de garantir a calidade das augas" e "abordar a cuestión dos lodos" e pediu que se exiga á concesionaria "unha limpeza plena".
PARÁMETROS
Pola súa banda, o alcalde de Pontedeume detallou que, aínda que "a auga obtida da planta potabilizadora xa conta con todas as garantías", aínda non se levantaron as restricións e que se encargou "unha análise pormenorizada" dos 93 parámetros que recolle o Decreto Lei 140/2003 que regula a calidade das augas" para "saber que conta con todas as garantías". "Estamos a esperar a que desde Sanidade nos autorice a levantar as restricións", indicou.
Así mesmo, o rexedor sostivo que a planta potabilizadora terá que ser adaptada ás novas necesidades e afirmou que contan co "compromiso" da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para esa adaptación urxente. Para iso, indicou que remitirá nas próximas horas un informe a Augas de Galicia coas necesidades máis urxentes.
DENUNCIAS
Con respecto ás denuncias presentada ante a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Transición Ecolóxica, Fernández detallou que desde o seu punto de vista a situación na que se atopa este río pode deberse á explotación que realiza a concesionaria do encoro, Endesa.
"Solicitamos que se faga unha investigación para saber a que se debe, se vai ter consecuencias no ecosistema, nos bancos marisqueiros e para que o Concello de Pontedeume, unha vez coñecidos os responsables, poida iniciar as accións legais oportunas para a defensa dos seus veciños", detallou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.