Mais, como o PSdeG é un partido cainita en proceso consursal de autoliquidación e suicidio, fai luz de gas á nova, que este cronista e o Parlamento Europeo consideran de verdadeiro alcance cidadán: “O socialista español Antolín Sánchez Presedo foi o ponente responsable de negociar a futura directiva europea por parte da Eurocámara”. [Ver a noticia na
web do Parlamento Europeo. Nin unha palabra na
web do PSdeG].
En efecto, a Unión Europea prepara unha nova directiva comunitaria sobre créditos hipotecarios, “coa que pretende asegurar unha maior protección ao debedor hipotecario, suprimindo dos contratos as cláusulas abusivas”. Foron dous anos de negociacións entre os Vintesete, a Comisión Europea e o Parlamento que o pasado luns deron luz verde á nova lei ou directiva, cuxo ponente foi un europarlamentario galego, de Betanzos, concretamente.
A nova directiva da que Sánchez Presedo foi relator, impón nos futuros contratos hipotecarios requisitos como a información previa, a prohibición de vinculación a outros produtos ou servizos financeiros, a flexibilidade para amortizar débeda, a dación en pago acordada entre as partes e outros moitos matices que evitarán o abuso continuado por parte da banca que todos sabemos.
Non escoitei ao enredador Paco Vázquez, ao trileiro Pachi ídem; á media ducia de candidatos emerxentes, aos dous expresidentes da Xunta, aos alcaldes imputados, ao exministro aparcado, ao Dux de Vigo… ¡a ninguén!; non escoitei a ninguén do PSdeG recoñecer, felicitar, aplaudir publicamente este traballo parlamentario dun compañeiro seu que beneficia a millóns de cidadáns europeos e, directamente, a miles de familias galegas afectadas pola hipoteca
e en expectativa de desafiúzo.
¡Parabens a Antolín Sánchez Presedo!: nestes momentos, non saír na web do seu propio partido empeza a ser unha boa noticia.