"As aulas nas universidades son seguras", din Goberno e CCAA que manteñen os protocolos

Apostan por promover campañas de concienciación de formas de lecer seguro á vez que se eviten dinámicas de criminalización da mocidade universitaria.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 21/10/2020 | Actualizada ás 20:51

Comparte esta noticia

O Goberno e as comunidades autónomas acordaron manter os protocolos das universidades baseados no documento de recomendacións á comunidade universitaria para adaptar o curso 2020-2021 a unha presencialidade adaptada e que inclúe medidas de actuación das universidades ante un caso sospeitoso ou un positivo de COVID-19, documento que foi elaborado o pasado 10 de xuño polo Ministerio de Universidades xunto ao de Sanidade.

Así o acordaron o ministro de Sanidade, Salvador Illa, o ministro de Universidades, Manuel Castells, e os conselleiros autonómicos con competencias en ambas as materias, na reunión que celebraron este mércores pola tarde. O obxectivo deste encontro era tratar, entre outros temas, a seguridade nas aulas, o funcionamento dos protocolos ou os brotes nas residencias e colexios maiores.

O número de contaxios no ámbito universitario disparouse nas últimas semanas debido á celebración de festas nas que non se cumprían as medidas de seguridade, en residencias de estudantes e colexios maiores, pero tamén polo incumprimento de ditas medidas por parte de mozos universitarios en zonas de lecer nocturno.

Dado o gran número de contaxios reportados, varios campus víronse obrigados a cesar a súa actividade presencial, como é o caso da Universitat Politècnica de València (UPV) e a Universidade de Granada (UGR), que tiveron que volver ás clases en liña.

A pesar diso, os ministros e os conselleiros autonómicos coincidiron en que tanto os protocolos das universidades como o protocolo elaborado por Sanidade e Universidades o pasado 10 de xuño, funcionan. Fontes próximas á reunión aseguran a Europa Press que houbo unanimidade neste sentido, tanto por parte dos conselleiros como por ambos os ministros.

"O conxunto das comunidades autónomas coincidiron en que, segundo as informacións dos reitores universitarios e dos estudantes universitarios, as aulas son seguras, hai unha proporción mínima de contaxios no recinto universitario propiamente dito", subliñou en declaracións aos medios o ministro de Universidades.

RESIDENCIAS DE ESTUDANTES E COLEXIOS MAIORES

En calquera caso, Castells recoñece que, en lugares alleos ao ensino universitario, como colexios maiores, residencias ou outros lugares de reunión social, houbo "algúns incidentes", pero en todo caso "mostran que se controlaron e que os protocolos de seguridade sanitaria e mantemento da actividade educativa, que o Ministerio de Sanidade e de Universidades publicaron conxuntamente o 10 de xuño, están a funcionar".

Por tanto, "as aulas son seguras", salientou. E na mesma liña manifestouse Illa: "Estamos a poder constatar que os protocolos nas universidades están a funcionar". Durante a reunión tamén se abordou o tema das residencias de estudantes e colexios maiores, que supoñen "un dos puntos sinalados polas diferentes administracións no que pór a atención nestas semanas de especial interese epidemiolóxico", segundo destacan ambos os Ministerios.

NON CRIMINALIZAR A UNIVERSITARIOS

Por último, na reunión tamén se puxo o foco, por parte dos responsables de universidades e sanidade asistentes, na necesidade de promover a través de campañas de concienciación formas de lecer seguro á vez que se eviten dinámicas de criminalización da mocidade universitaria.

Castells tamén lembrou como nalgunhas rexións as universidades tiveron que pechar algunhas facultades "por imposición administrativa" cando, en cambio, non se pecharon os bares que había ao redor.

Aula da Universidade de Vigo
Aula da Universidade de Vigo | Fonte: UVigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta