Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/10/2020 | Actualizada ás 17:26
A recente sentenza do Tribunal Supremo sobre transfuguismo avivou as críticas contra os nomeamentos dunha exedil de Ciudadanos no Concello da Coruña, agora cargo do goberno local da socialista Inés Rei, e do exmano dereita do alcalde de Ourense, Miguel Caride, que agora foi nomeado vicepresidente na Deputación de Ourense tras ser cesado o anterior --de Democracia Ourensana-- afín ao rexedor da capital, Gonzalo Pérez Jácome.
Así se traducen as repercusións pola sentenza da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, que fixa como doutrina que o pase á condición de concelleiro non adscrito, como consecuencia ou por razón dun suposto de transfuguismo, "impide que se asuman cargos ou que perciban retribucións que antes non exercía ou percibía e impliquen melloras persoais, políticas ou económicas". Desta limitación queda excluída a incorporación ás comisións informativas.
A sala fixo este pronunciamento nunha sentenza que se pronuncia sobre un caso de transfuguismo no Concello da Font da Figuera (Valencia) tras as eleccións de maio de 2015.
Neste escenario, Democracia Ourensana emitiu un comunicado no que apunta que, á marxe da nova sentenza que "impediría a Caride ser vicepresidente da Deputación", lembra que "xa o pacto antritransfuguismo" asinado no seu día por PP e PSOE "xa contemplaba que os tránsfugas non poden ocupar cargos".
"É dicir, a Deputación de Ourense non pode ter un minuto máis a Caride como vicepresidente, porque estarían a incumprir o que asinou, entre outros partidos, o propio PP", sinalou a formación do rexedor ourensán, que goberna en minoría con tres edís tras a marcha dos que agora son críticos e a suspensión do pacto de goberno por parte dos populares.
CASO DA CORUÑA
Mentres, na Coruña, o grupo municipal de Marea Atlántica rexistrou un escrito á Alcaldía no que solicita á rexedora, Inés Rey, o cesamento "inmediato" da exedil de Cs Mónica Martínez, en aplicación da sentenza que se coñeceu este martes.
No caso de Martínez, sinala Marea Atlántica, "incúmprense" ambos os casos: subida de salario e nomeamento, o cal considera este grupo municipal como "netamente ilegal", en palabras da portavoz, María García.
No escrito, presentado este mércores, Marea Atlántica tamén solicita que se incorpore ao expediente correspondente o recurso de reposición que se rexistrou o 1 de outubro, aínda que sen resposta por parte do goberno municipal, e que se "inicien de inmediato as actuacións precisas para pór fin á situación manifestamente ilegal" da concelleira.
Sobre o caso da exedil de Ciudadanos, a portavoz da formación laranxa, Beatriz Pino, dixo, nas últimas horas, que o seu partido "loitou sempre contra calquera forma de corrupción" e recalcou que o "transfuguismo é unha delas" e reclamou a devolución da acta de concelleira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.