Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 18:41
O Centro de Coordinación dos Corpos de Seguridade, presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, reuniuse para coordinar as novas actuacións ante o estado de alarma, o toque de queda e as áreas engadidas aos confinamentos perimetrais. Para o 1 de novembro decidiuse aumentar os controis nos desprazamentos.
Na reunión tamén se fixo balance dos dispositivos que se levaron a cabo desde o inicio destas restricións cando afectaba unicamente os concellos de Ourense e Barbadás ata o momento actual, onde tamén se tivo en conta O Carballiño, Boborás, Irixo e os concellos de Verín, Vilardevós e Oímbra.
Na cita coordinouse, cos representantes das forzas e corpos de seguridade, a actuación, con motivo da entrada en vigor do estado de alarma, abordando as primeiras limitacións do toque de queda que, ata o momento, no caso da comunidade autónoma galega limita a liberdade de circulación entre as 23.00 e as 06.00 horas.
Por este motivo decidiron realizar un reforzo dos controis nocturnos e subliñaron que os únicos motivos para permanecer na rúa entre esa franxa horaria limítanse a "obrigacións laborais ou asistencia a centros sanitarios".
Tamén se tomou a decisión de aumentar o número de controis nas unidades perimetrais afectadas as restricións de mobilidade a causa do próximo festivo, 1 de novembro, día de Todos os Santos, unha data na que as previsións son "de incremento de desprazamentos na estrada".
SANCIÓNS
No balance das actuacións realizadas nas áreas de confinamento perimetral dos concellos de Ourense, O Carballiño, Irixo, Boborás, Verín, Vilardevós, Oímbra e Barbadás desde o 21 de outubro ata esta mañá determinaron que se realizaron un total de 358 dispositivos de controis nos que se controlaron máis de 28.200 vehículos e onde se identificaron máis de 17.600 persoas. En canto ao número de sancións exercidas nesas datas informouse dun total de 24 propostas por incumprir as restricións e 31 por incumprir a normativa sanitaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.