Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 13:21
A taxa de emprego era do 83,3% en 2019 dos graduados universitarios galegos do curso 2013-2014, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE) Esta taxa é case tres puntos inferior á media española (do 86,1%). De feito é a quinta máis baixa entre comunidades, con Andalucía á cola (78,3%). No outro extremo está La Rioja (91,9%).
Con todo, a inserción laboral dos graduados galegos creceu en máis de 10 puntos nun lustro, posto que o 72,5% dos que terminaron no curso 2009-10 estaban empregados en 2014. Para os titulados en máster no curso 2013-14 a taxa de emprego en 2019 ascende ata o 87,8%, neste caso similar á media española (87,3%).
Respecto ao lugar no que traballaban os universitarios galegos en 2019 (graduados en 2013-14), un 73,5% deles facíao en Galicia, mentres un 16,5% noutras comunidades e un 10% no estranxeiro.
DATOS ESTATAIS
Os graduados universitarios do curso 2013-2014 presentaban a finais do ano 2019 unha taxa de actividade do 93,6% en España (94,4% os homes e 93,0% as mulleres).
A taxa de emprego era do 86,1% (en homes do 87,8% e en mulleres do 84,9%). A taxa de paro cinco anos despois de titularse era do 8,0%. O desemprego afectaba máis as mulleres (taxa do 8,8%, fronte ao 7,0% dos homes).
Na anterior enquisa, realizada en 2014 a taxa de paro de graduados universitarios do curso 2009-2010 foi do 19,2%. Pola súa banda, o 6,4% dos graduados estaba en situación de inactividade en 2019. Dous de cada tres deles continuaban estudando cinco anos despois de terminar os estudos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.