Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2020 | Actualizada ás 19:45
Con motivo do centenario da edición do primeiro exemplar da 'Revista Nós', a Xunta de Galicia lanzou un libro electrónico que recolle os 144 números editados, así como unha páxina web que recompila o universo desta publicación.
Precisamente, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron este venres a dixitalización da revista, que supón "un paso adiante" na súa difusión nacional e internacional.
O secretario xeral de Cultura destacou a relevancia desta iniciativa, que supón que Galicia "recupere o legado da Xeración Nós en clave do século XXI" xa que, como sinalou, un século despois do seu nacemento, a revista Nós recupera os seus materiais en formato electrónico para un mellor acceso, acorde coas novas canles de acceso da información.
Segundo indicou, a novidade do proxecto presentado este venres radica na conversión a formato ePub dos 144 números da revista, 100 dos que cales xa están preparados e son accesibles desde Galiciana BDG para a súa descarga multicanle.
DESCARGA MULTICANLE
Ademais da conversión o libro electrónico, tamén se presentou a posta en marcha da nova páxina web, que recolle todo o universo de Nós e permite explorar directamente no corpo dos textos da revista a través das relacións que se establecen entre os colaboradores na historia da publicación. Entre outras cuestións, inclúense os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus 15 anos de vida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.