Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 13:16
A Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Residencias (REDE) vén de cargar directamente contra a xestión de DomusVi sobre a residencia de Ribadumia. Este centro leva nas últimas semanas no punto de mira polo gromo nel rexistrado, que xa afecta a un total de 23 traballadoras e 59 residentes. A problemática vén porque, segundo REDE, a empresa DomusVi estaría a incorrer en múltiples incumprimentos do protocolo sanitario á hora de prestar atención ós maiores.
A asociación vén de recoller unha multitude de infraccións supostamente perpetradas pola empresa nunha comunicado que arrinca denunciando mobilidade de persoal de dubidosa natureza en situación de pandemia. Así, sosteñen que a empresa, para cubrir a quenda das traballadoras positivas e en corentena (que cifran en 38) piden ás empregadas facer dobres quendas e, por riba, "traen 6 persoas doutras residencias", que REDE sitúa en Lalín, Ourense e Aldán.
Esta situación, por un lado, deixa desabastecidos ós centros anteriores, pero tamén "supón un risco de espallar o virus dunhas residencias a outras". A problemática daríase tamén no feito de que DomusVi Ribadumia comparte fisioterapeuta coa residencia de Bembibre, situada en Vigo. Nesta residencia, defenden, estiveron diversos familiares do CEO da empresa "por suposto sen epis".
"DOMUSVI NON AVISA DOS GROMOS"
En calquera caso, a circunstancia no tocante ó persoal, xa fora denunciada "hai máis de dous anos" polas traballadoras, que á parte recriminan á empresa que esta "nunca avisa dos gromos epidemiolóxicos" que se producen nela. Segundo sosteñen, na DomusVi de Ribadumia "non se proporciona ás traballadores medios adecuados de prevención, ningún EPI, mascarillas escasas e incluso non homologadas que é como non levar nada".
O descontrol denunciado por REDE esténdese máis alá da dotación de medios, xa que, segundo aseguran, "non existe un plan integral de actuación, non se respectan os circuítos de limpo-suxo, desinfección de puntos críticos...". Por outro lado, "tampouco se crearon unidades de convivencia nas que os usuarios divididos en grupos illados fosen atendidos sempre polo mesmo persoal e así minimizar o risco de contaxio".
A escaseza de traballadoras, que REDE cifra actualmente en 38, fai "imposible" sectorizar a residencia, de xeito que as coidadoras se ven obrigadas a exercer na totalidade do edificio, co conseguinte risco para a saúde que isto implica. "Con 38 traballadoras o unico que poden garantizar e que o virus se espallará máis aínda e que os residentes estaran completamente desatendidos", subliñan.
DESABASTECEMENTO
A falta de EPIs e máscaras para os traballadores volveu a aboiar cando, o pasado 9 de outubro, a Xunta informou á residencia do Positivo por covid dun traballador. "A dirección, como sempre, oculta o feito ao comité de vixilancia da saúde da residencia e as traballadoras e limítase a establecer o uso de mascarilla FFP2 e mascarilla cirúrxica entre os 9 e 12 de Outubro del 2020, período no cal se fan PCRs ao persoal". Porén, e sempre segundo a versión de REDE, "a partir do día 12 non se entregan máis mascarillas FFP2".
"O día 23 de Outubro a través dun comunicado da Consellería de Sanidade
infórmase novamente da situación na que se topa a Residencia de Ribadumia e por
segunda vez Domusvi non informa ao Comité de Empresa, nin o comité de vixilancia da
saúde, nin as traballadoras, de que teñen un positivo entre eles, impedindo así extremar
as precaucións dende o primeiro momento e facilitando xunto do caos organizativo da
residencia e a falla cronica de medidas preventivas, o espallamento do virus que xa afecta
a 59 residentes e 23 traballadoras"
UNHA XUNTA "CÓMPLICE"
Segundo destacan dende a asociación, "toda esta situación é de sobra coñecida
por Berta Besada, xefa do servizo de inspección da Consellería de Política Social, que nos
últimos anos a consentiu e mesmo xustificou, protexendo sempre máis a Domus vi e os
seus intereses que aos cidadáns, a súa inacción e permisividade complice trae agora
estos froitos".
Ante estas circunstancias, REDE centra as súas demandas en que a Xunta "tome medidas serias nesa residencia para protexer as vítimas de Domusvi" para que "se actúe dunha vez para facer cumprir a lei". Por outro lado, esixen o cesamento de Berta Besada, á que ven "responsable, xunto coa dirección do centro, da entrada e espallamento do virus pola residencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.