A segunda onda de covid-19 podería non ter pico, segundo un matemático da Universidade de Santiago

O catedrático da USC Juan José Nieto Roig asegura que é "ciencia ficción" facer un prognóstico para Nadal, mentres traballa con redes sociais como "indicador" do avance do virus.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/11/2020 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O catedrático de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Juan José Neto Roig destaca as dificultades que atopan os modelos matemáticos para arroxar predicións sobre a evolución da segunda onda da pandemia. "Se cadra resulta que non somos capaces de predicir cos modelos matemáticos e computacionais se vai haber un pico nesta segunda onda porque se cadra non o hai, igual hai unha serie de casos que se sosteñen no tempo, redúcense un pouco e volven rebrotar", explica Nieto Roig.

Un traballador da limpeza varre as inmediacións do Hospital de Lugo
Un traballador da limpeza varre as inmediacións do Hospital de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Este investigador, que na primeira onda logrou predicir que o pico da pandemia sería a comezos en abril, móstrase "perplexo" pola evolución da segunda.

Explica que se seguen estudando modelos matemáticos, aínda que "é difícil coñecer calquera previsión" porque "as condicións están a cambiar constantemente" e é complicado comparar datos ao tomarse diferentes medidas entre territorios.

En marzo, as previsións "foron feitas nunhas condicións iniciais da pandemia similares a China, Italia...". Con todo, "agora as medidas son todas moi diferentes, moi dispersas", o que dá lugar a "utilizar outra metodoloxía", sen que se aprecie polo momento un pico ben definido no tempo para esta segunda onda.

PROGNÓSTICO PARA NADAL: "CIENCIA FICCIÓN"

Á hora de comparar o coronavirus co agravamento da gripe de 1918 na súa segunda onda, este catedrático afirma que entre todas as epidemias se poden atopar "paralelismos", pero deixa claro que "cada caso é distinto".

"Pode ser tan grave como a primeira (onda) ou mesmo máis. Eu agora non me atrevería a dicir nin que si nin que non", manifesta este reputado matemático.

De feito, en relación sobre como prevé o Nadal, expón: "Iso xa é ciencia ficción". Aclara que cos cambios que se observan xa é difícil facer predicións a "un par de días" e "unha semana é moito tempo".

Sobre esta evolución incerta refírese ao caso doutros países europeos que "foron moi efectivos na primeira onda e agora é unha catástrofe".

CONFINAMENTO DOMICILIARIO?

Desde o punto de vista científico "a única" solución que se mostrou efectiva para combater a pandemia é "o illamento social e, en última instancia, quedarnos todos en casa".

Aínda que non dubida da eficacia do confinamento domiciliario para combater a pandemia, recoñece que é unha solución "drástica" e "ten outras implicacións nefastas", polo que "quizais é mellor focalizar a protección en certos colectivos".

"Creo que as medidas de ir illando por zonas ou municipios parece que tiveron efecto en zonas como na Mariña". Valora que "hai que sopesar e equilibrar a saúde, que é o primordial", coa vida diaria e a economía.

Este científico recoñece que "non é fácil tomar medidas", posto que as autoridades deben decidir "co risco de equivocarse" e na procura dese "equilibrio".

Observa que a evolución de Galicia "é máis positiva". Sinala que se viu favorecida na primeira onda de que o impacto da pandemia chegase "un pouco máis tarde", dado que "cando xa se tomaron medidas de confinamento beneficiou aos que tiveran poucos casos". A isto súmase que "a dispersión da poboación axudou", polo que supón que "axudará" agora tamén.

Con todo, avisa de que tamén Asturias "estaba moi ben", pero agora vive unha situación "bastante ao límite". "Quizá nos confiamos un pouco", sinala sobre a desescalada.

"É difícil saber como vai evolucionando", razoa. "Estamos todos sorprendidos, desde autoridades sanitarias, políticos, científicos", agrega.

ASPECTOS POSITIVOS

Aínda que se vive "unha situación complicada", Nieto Roig detalla que as tendencias tamén deixan motivos para a esperanza. Apunta a exemplos de como os casos baixaron "lixeiramente" nos últimos días en Santiago e Ourense.

A pesar de que "non se pode dicir que estea a cambiar a tendencia", "aspectos positivos si que hai". "Todo o mundo está a tomar certas medidas antes de que sexa inevitable, nese sentido tamén é positivo", opina.

REDES SOCIAIS COMO "PISTA" PARA PANDEMIA

Actualmente, Juan José Nieto Roig traballa nun innovador proxecto --co apoio do Instituto de Salud Carlos III (Madrid)-- que usa ás redes sociais como "termómetro do que está a suceder" coa pandemia a través de diferentes termos e conversas.

Asegura que estas ferramentas serven como "pista" de como avanza o coronavirus. "Unha onda de gripe pódese ver vir non porque a xente empece a ir ao médico e a ingresar con gripe, senón porque nas redes sociais vanse utilizando certos termos, síntomas, palabras como gripe", asegura.

Explica que se atoparon restos de covid-19 en augas fecais en Barcelona de varios meses antes de detectarse a pandemia, o que serve como un "bo predictor" ante un rebrote. Por iso, estas análises de redes sociais tamén poden servir como "indicador" para "estar atentos a tomar calquera tipo de medida".

E é que "sempre está ben ter información", xa que "unha semana" de diferenza á hora de tomar unha medida "pode cambiar todo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta