Por Valentin Carrera | Compostela | 16/05/2013
Esa mesma mañá, Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo e presidente do PSdeG-PSOE, anuncia en roda de prensa: a) que é inocente; b) que se sente desamparado e laminada a súa presunción de inocencia; c) que denunciou a violación do segredo de sumario, pedindo que se investiguen as filtracións.
De paso, anuncia aos xornalistas a “ampliación dunha querela contra os tres periódicos citados”. Ao día seguinte almorzamos coa noticia a toda plana: dúas páxinas na Voz, catro no Progreso, etc., de xeito que a roda de prensa exculpatoria do Alcalde dilúese nun eco-eco demoledor.
Sen tempo para matar ao mensaxeiro, que foi a súa primeira reacción, o Alcalde convoca unha segunda roda de prensa na que corrixe o tiro e apunta directamente ao corazón da xuíza De Lara –é público que as súas relacións persoais son de odio declarado-, e a empraza a levantar o segredo do sumario “antes do próximo sábado 18, ou acudirá ante o TSXG”. Supoño que a xuíza pedirá á súa vez amparo e dirá que se sente coaccionada… ou talvez sexa máis intelixente e non entre ao trapo.
Mentres todo isto ocorre en Lugo, axentes ao mando da mesma xuíza rexistran de novo os domicilios do exalcalde socialista de Ourense e o caso Pokémon segue crecendo como unha hidra que ameaza con estrangular o municipalismo socialista galego durante a próxima década.
¿Quen filtrou o auto segredo coñecido só en sé xudicial por tres ou catro persoas? ¿Con que interese? En termos de miseria política, a filtración beneficia ao PP e prexudica ao PSOE; pero de rebote, non se esqueza que Orozco é valedor do candidato socialista Besteiro e, xa que logo, tocado e afundido o buque insignia de Lugo, Pachi Vázquez alzarase co santo e a esmola.
En termos xudiciais, o asunto cheira mal e pinta cada día peor para Orozco, cada vez máis acosado. Eu si lle creo, como acto de fe (fe é crer o que non vimos), pero si Orozco non meteu un céntimo ilegal no seu peto, ten -mírese por onde se mire- unha gravísima responsabilidade in vigilando. É o mesmo argumento usado contra Feijóo na súa relación con Dorado. Si non se decatou, tiña obriga de decatarse; e si de verdade non se decatou, ademais de imprudente é un incompetente. Iso sábeo calquera alumno de Filosofía en Bacharelato. Que corran as listas.