Dúas empresas que operan para Hotusa deberán readmitir a dous empregados por vulnerar o dereito de liberdade sindical

A través dunha nota de prensa, a CIG lamenta que o despedimento destes dous traballadores faise "en represalia pola súa filiación sindical e pola súa proximidade cos representantes do persoal".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2020 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O xulgado do social número 3 de Lugo condenou a H24 Reservation Services e Agate Hotels SL (dúas empresas que operan para o grupo Hotusa) á readmisión "inmediata" de dous traballadores por vulneración do dereito de liberdade sindical, segundo informa a CIG.

Un dos dous fallos, de 30 de setembro, en concreto, declara a nulidade do despedimento e a readmisión inmediata "co abono de salarios deixados de percibir", por esa "vulneración do dereito de liberdade sindical" e xa que "non existe xustificación obxectiva e razoable" da decisión da empresa.

A través dunha nota de prensa, a central nacionalista lamenta que o despedimento destes dous traballadores faise "en represalia pola súa filiación sindical e pola súa proximidade cos representantes do persoal".

"A xustiza considera (...) que o único fin do grupo Hotusa era eliminar ao persoal sindicado e máis activo, xa que ademais destes dous traballadores a empresa tamén despediu a varios delegados e outras persoas afíns á CIG", afirma.

Pola súa banda, fontes de Hotusa precisan que nin H24 Reservation Services nin Agate Hotels SL forman parte do grupo, senón que operan para o mesmo.

Engaden estas fontes que H24 "nega as afirmacións contidas no comunicado da CIG, entre outras cousas porque na mesma non existe representación sindical".

Así mesmo, destaca que, "en ningún dos dous casos, as resolucións son firmes e que se formulou fronte a elas recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia".

"BAIXO RENDEMENTO VOLUNTARIO"

"Para xustificar a extinción do contrato, a filial de Hotusa segue o procedemento habitual e acusa os traballadores de baixo rendemento voluntario para aplicarlles así un despedimento disciplinario", expón pola súa banda o comunicado da CIG.

As dúas sentenzas subliñan que, "fronte ao indicio de vulneración do dereito de liberdade sindical, non existe xustificación obxectiva e razoable da decisión adoptada pola empresa", resalta a organización sindical.

Unha delas, engade, "insiste no feito de que estes dous traballadores foron os únicos que se atreveron a sentar na mesa dos representantes sindicais durante a cea de nadal e que ambos foron despedidos".

Para o secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, queda "claro" que os despedimentos forman "parte da estratexia de persecución sindical iniciada pola compañía contra a CIG tras gañar as eleccións sindicais celebradas o pasado ano no centro de traballo de Chantada".

Gran Hotel Lugo. HOTUSA - Archivo
Gran Hotel Lugo. HOTUSA - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta