Alertan de que Navantia e a súa industria auxiliar acumulan máis de 200 casos de coronavirus na ría de Ferrol

CXT avisa dun "salto cuantitativo" de infectados e denuncia que a compañía "presiona" a traballadores para que abandonen o teletraballo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/11/2020 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A sección sindical da CXT en Navantia Ferrol denunciou un "salto cuantitativo en canto ao número de traballadores afectados por coronavirus" nos estaleiros públicos da ría de Ferrol, tanto na empresa principal como na industria auxiliar, con máis de 200 casos acumulados desde o inicio da pandemia.

Delegados da CXT e traballadores de Navantia na concentración deste martes
Delegados da CXT e traballadores de Navantia na concentración deste martes | Fonte: Cedida.

O portavoz deste sindicato, Xaquín García Sinde, detallou que "mesmo o pasado 30 de outubro detectouse o primeiro gromo no estaleiro de Ferrol, afectado a catro bombeiros da principal".

García Sinde informou de que entre o 6 de outubro e o 6 de novembro, "o total de casos acumulados pasou de 121 a 213, un incremento dun 76% nun só mes".

Así o apuntou o dirixente sindical este martes, na entrada principal da empresa, onde estivo acompañado doutros delegados e traballadores que protagonizaron unha pequena concentración.

Ante estes incrementos, o representante sindical destacou que "tanto Navantia como a industria auxiliar non están a facer o que hai que facer".

Deste xeito, CXT reclama a posta en marcha de "sistemas de ventilación", pois "non se tomou ningunha medida e perdéronse todos estes meses para acondicionar oficinas, vestiarios e mesmo abordo, onde tamén hai locais pechados e é necesario establecer un sistema de renovación".

En canto ao teletraballo, Xaquín García acusou a Navantia de "presionar aos traballadores que estaban con este sistema para que regresasen ao traballo presencial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta