Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/11/2020 | Actualizada ás 10:51
A familia Franco solicitou ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que se pospoña a data do 10 de decembro fixada para a entrega do pazo de Meirás, así como "polo menos dous meses" para retirar os bens desde que finalice o inventario.
Fixérono nun escrito remitido ao xulgado en relación á decisión do seu titular de proceder á execución provisional da sentenza pola que se lles condenou á devolución do pazo, unha medida á que os Franco avanzaron que non se oporían, de forma "provisional" e á espera de que se resolva o seu recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.
Agora, a súa representación legal sostén que os familiares do ditador se ven "obrigados a entregar un inmoble de considerables dimensiones e en cuxo interior hai unha gran cantidade de 'cousas' (bens mobles)" que, lembra, non figuraban na sentenza. Así, inciden en que o fallo, tras a demanda interposta pola Avogacía do Estado, "circunscribiuse ás leiras ou inmobles reivindicados". "Sen facerse extensiva nin incluír ningunha sorte dereferencia ás cousas ou bens mobles que houbese -e hai- no seu interior".
PRAZO "EXIGUO"
Ademais de cualificar a data do 10 de decembro como un prazo "notoriamente exiguo", reclaman deixala sen efecto despois de que o xulgado adoptase unhas medidas cautelares para proceder ao inventario dos bens. Nelas, impídese ao Franco sacar bens ata que o xulgado o autorice.
Tras a visita feita pola comitiva xudicial, os técnicos de Patrimonio e os letrados ao inmoble o pasado 11 de novembro, o xulgado acordou tamén dar un prazo de 20 días naturais, ampliable, para efectuar o inventario co material de imaxes e vídeos solicitado.
En base a todo iso, e contra unhas medidas cautelares contra a que os Franco xa avanzaron que presentarán un escrito de oposición, solicitan que quede "sen efecto" a data do 10 de decembro para a entrega do inmoble e que se lles dea un prazo, unha vez realizado o inventario, dun prazo de "polo menos dous meses" para a entrega do mesmo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.