Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/11/2020 | Actualizada ás 22:00
O 27,3 % dos adolescentes galegos participa en botellóns, segundo unha enquisa realizada por investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, que piden “incrementar o traballo preventivo a nivel familiar e comunitario”.
A enquisa fíxose a 4.867 adolescentes galegos de entre 12 e 18 anos, dos que un de cada catro recoñeceu ter participado nun botellón polo menos unha vez ao ano, o 14% polo menos unha vez ao mes e o 2,9 % un ou varios días á semana.
Aínda que as cifras supoñen un descenso respecto á ‘Encuesta sobre Uso de Drogas en Enseñanzas Secundarias en España (ESTUDES) 2018-19’, na que se constatou que o 51,3 % dos mozos en España participara en botellóns nos últimos meses, hai que sinalar que esta se centraba na poboación de 14 a 18 anos, mentres que este novo estudo amplía a franxa desde os 12 anos, o cal podería motivar parte dese descenso. De feito, na franxa de 14 a 18 anos as porcentaxes ascenderon ao 36,4 %, o 19,2% e o 3,9 % respectivamente.
Cando se analizaron as cifras exclusivamente en menores de idade, as porcentaxes situáronse no 25,7 % no último ano e do 16,6 % no último mes.
Por sexo, de forma xeral as mulleres presentaron porcentaxes maiores que os varóns: 28,9 % vs 25,5 % participaron nun botellón no último ano.
Por grupos de idade, alcanzouse unha porcentaxe do 21 % para a participación en botellóns no último ano na franxa de 14-15 anos e do 55,6 % na de 16-18. Esta porcentaxe situouse no 3,6 % nos 12-13 anos.
Analizadas de maneira conxunta as diferenzas por sexo en función da idade, “é na franxa crítica dos 14-15 anos cando as diferenzas entre sexos son máis amplas (19,9 % home vs 24,5 % mulleres no último ano e 4,8 % homes vs 8,4 % mulleres no último mes)”, detallan os autores.
OUTRAS SUBSTANCIAS
Por outro lado, dos adolescentes que recoñecen que participaron en botellóns, o 96,6 % recoñeceu beber alcol cando acode a estes encontros; o 53,4 %, alcol e tabaco, e un 30,2 %, tres ou máis substancias.
Esta práctica, din, asociouse con taxas significativamente maiores de consumo intensivo de alcol (28 % vs 0,9 %), así como de consumo de risco de alcol, cannabis e drogas en xeral.
“A práctica de botellón resultou ser máis frecuente entre aqueles adolescentes que tiñan amizades que consumían alcol ou outras drogas”, explican os investigadores.
O 96,6% dos que practicaron botellón recoñeceron que a maioría dos seus amigos beben alcol cando saen e o 76,1% recoñeceu que se emborrachan; máis da metade referiron que as súas amizades fuman tabaco, unha terceira parte que fuman cannabis e case un de cada dez outras drogas.
PRÁCTICAS DE RISCO
En canto ás prácticas de risco asociadas, as taxas foron significativamente maiores entre os que fan botellón. Destes, un 29,6 % –fronte ao 14,5 % dos que non acoden a estes encontros– asegurou subirse a un vehículo cuxo condutor ía baixo os efectos do alcol, un 25 % (vs 2,6 %) dixo meterse en leas tras consumir alcol ou outras drogas; un 20,2 % (vs 3 %) recoñeceu sufrir un accidente ou lesión, e un 11 % (vs 2,5 %) confesou ser vítima de asalto sexual.
Sobre os hábitos de lecer nocturno, o 96 % dos que participan de maneira regular en botellóns acostuman saír unha ou varias veces ao mes ou mesmo varias veces á semana, porcentaxe que cae ao 41 % entre os que non fan botellón.
Do mesmo xeito, o 63 % dos que acoden a botellóns acostuma chegar a casa pasadas as 4 da madrugada, porcentaxe que baixa a un 12,3 % entre os que non fan botellón.
E en canto ao diñeiro dispoñible, o 26 % dos que fan botellón din dispoñer de máis de 20 euros para saír, cifra que se sitúa nun 18,4 % entre os que non acoden a estes eventos.
Por último, o que motiva aos adolescentes a participar en botellóns é, principalmente, que son unha actividade para divertirse, ligar máis, sentirse feliz e ben, ser máis sociable e caer mellor a outros.
Ante esta situación, os expertos piden ás autoridades “reorientar as políticas de prevención” e “incrementar o traballo preventivo a nivel familiar e comunitario”.
Os investigadores galegos fan públicos os resultados desta enquisa na Revista Española de Salud Pública, da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.