O xerente da área de Verín quere inhabilitar o doutor Castrillo, a cara máis visible do 'Verín non se pecha'

Un ano despois do potente movemento social contra o peche do paridoiro, Félix Ruibal incoa un expediente disciplinario contra o xefe de xinecoloxía. PSdeG e BNG anuncian que levarán o caso ao Parlamento.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2020 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Ruibal Bernárdez, quen decidiu hai un ano pechar o paridoiro da comarca, incoa agora un expediente disciplinario polo que se solicita a inhabilitación do doutor Javier Castrillo, que foi unha das caras máis visibles do movemento reivindicativo de 'Verín non se pecha'. 

O xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Ruibal, falando cos sindicatos
O xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Ruibal, falando cos sindicatos | Fonte: Miguel Núñez

Segundo informa o xornal colaborador Diario do Támega, os feitos polos que o xerente pretende inhabilitar o doutor remóntanse ao 30 de novembro do 2019, día da multitudinaria manifestación polas rúas de Verín e día no que previsiblemente nacería o último bebé no hospital. Neste caso, o xefe de xinecoloxía, Javier Castrillo, negouse a que ese cativo e a súa nai fosen derivadas "por non existir razóns médicas para iso". Mais finalmente, o bebé foi trasladado.

A falta por cuestionar o criterio médico doutro profesional prescribe como agora no expediente como "grave". O potente movemento social xurdido en torno ao 'Verín non se pecha' conseguiu hai un ano que o xerente da área sanitaria recuara na súa intención de concentrar os partos na capital, mais agora, decide abrir expediente a un dos máximos expoñentes da loita.


DOUS ANOS DE INHABILITACIÓN

O doutor Javier Castrillo ve neste expediente, "que se incoa en Vigo, onde Félix Rubial estivo tamén á fronte da área sanitaria", unha "vinganza" do agora xerente da área ourensá. O castigo ao que se expón podería alcanzar os dous anos de inhabilitación profesional. Á espera dos pasos administrativos que poidan derivar tras a notificación en clave interna, Castrillo, quen recibiu o aviso do expediente o pasado luns, prevé solicitar que se lle entregue unha copia do contido das actuacións iniciadas contra el, co fin de poder defenderse.

SÓ INFORMACIÓN AOS INTERESADOS

Ademais, Europa Press dirixiuse a Sanidade para solicitar a súa versión e a área sanitaria de Ourense limitouse a manifestar que "o estudo, coordinación e elaboración das propostas de iniciación e da resolución dos expedientes disciplinarios do persoal estatutario e funcionario con funcións asistenciais das institucións Sanitarias do Sergas, así como a tramitación das incidencias e dos recursos que se presenten nos ditos procedementos, é competencia da Subdirección Xeral de Inspección da Consellería de Sanidade". "Son procedementos internos dos que só se traslada información directamente aos interesados", resolveu.

BNG E PSDEG PEDIRÁN EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO

PSdeG e BNG avanzaron que pedirán explicacións no Parlamento a raíz deste expediente aberto ao xefe de Xinecología de Verín, Javier Castrillo, xa que consideran que detrás del se esconde unha "vinganza política" e un intento de "purga". Nun comunicado, a deputada do BNG por Ourense Noa Presas asegurou que a formación recibiu "con sorpresa e alarma" da apertura do expediente contra Castrillo e preguntouse se a dirección sanitaria de Ourense "non ten outra cousa que facer que axustar contas".

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero tamén emitiu un comunicado no que esixe ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que aclare "por que se tenta purgar" a este xinecólogo tras as protestas de Verín. Caballero avanzou que os socialistas tamén levarán este tema ao Parlamento e incidiu en que "sorprende moito" que o Sergas "decida agora expedientar a quen foi unha das caras visibles dunha protesta que obrigou a Xunta a rectificar no desmantelamento do hospital comarcal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 patético

Cando un paleto suxeito a criterios políticos pódeche abrir un expediente disciplinario dun xeito tan patético é que temos un serio problema de independencia funcionarial coa connivencia sindical pertinente.... lamentable... o fascismo democrático xa está servido...

1 cesc

Concordo