Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2020 | Actualizada ás 21:35
Ecoloxistas en Acción denuncia que en plena pandemia a Xunta de Galicia permita a total liberdade de movemento aos cazadores galegos (federados ou non). Dende o colectivo lembran que a franxa de idade e o sexo maioritario dos cazadores en Galicia é varón maior de 50 anos, precisamente o grupo social marcado polo Ministerio de Sanidade como grupo de risco para a COVID.
Por iso, Ecoloxistas en Acción considera "unha temeridade" permitir a libre circulación deste grupo de idade de alto risco dende zonas perimetradas pola alta incidencia da Covid cara a zonas rurais cun porcentaxe de poboación envellecida. "Estase a poñer en risco a saúde pública do rural galego, que carece de medios sanitarios para combater de forma eficaz a pandemia, coa sanidade primaria como único medio cercano, e en ocasions a centos de kilómetros do hospital máis cercano", denuncian. Neste sentido, Ecoloxistas en Acción lembra que o recente brote de Sarria "aconteceu despois de varias reunións de fin de semana por parte de colectivos cazadores".
ALCOHOLÍMETROS AOS AXENTES FORESTAIS
Nunha petición directa á Xunta de Galicia, a entidade pide que se dote de alcoholímetros aos axentes forestais, tal e como o reclamaron eles mesmos recientemente, para testar as tasas de alcohol dos cazadores durante as actividades cinexéticas, posto que "posiblemente este consumo está detrás de moitos dos accidentes da caza", resaltan. "Tendo en conta os númerosos feridos por disparo, non parece moi recomendábel permitir batidas de caza cos hospitais galegos ao borde do colapso pola pandemia", sentenzan.
"NEFASTA POLÍTICA FORESTAL"
Ademais, dende a entidade aseguran que a Xunta de Galicia é coñecedora da estacionalidade dos atropelos de xabaríns nas estradas galegas, que coincide coa tempada de caza. "Cando a fauna fuxe dos tiros pode cruzar as estradas e provocar accidentes de circulación", indican. E seguindo esta mesma liña, Ecoloxistas en Acción denuncia tamén "a total ausencia" de pasos efectivos para a fauna na rede de estradas galega, que "dificulta a seguridade viaria e coa conservación da fauna".
Engaden, ademais, que a alta incidencia de danos por xabaríns na agricultura pode deberse a "unha nefasta política forestal baseada nos monocultivos como o eucalipto", xa que obrigan a fauna a "pescudar alimento en terras de cultivo" ante a ausencia de landras de carballo ou sobreira.
Ecoloxistas en Acción reclama, igualmente, que se fagan públicos os datos que amosen que nalgún punto de Galicia existe superpoboación deste depredador apical, xa que ven "contraditorio" que permitan batidas de lobos, principal depredador do xabarín, ao mesmo tempo en que se fala dunha superpoboación. "O derradeiro censo amosa unha estabilidade das poboacións que debido á persecución legal e ilegal non medran. Non parece momento polo tanto de cazar lobos, senon máis ben de protexelos", indican no comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.