Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/11/2020 | Actualizada ás 22:20
O Museo do Pobo Galego inaugura hoxe mércores 25 de novembro ás 17h da tarde unha pequena mostra sobre a obra miúda do artista Isaac Díaz Pardo, como homenaxe na conmemoración do seu centenario. Esta exposición, que se poderá ver ata o 3 de xaneiro de 2021 no andar do claustro e non conta con ningún tipo de axuda institucional da Xunta.
A mostra está organizada pola Oficina de Socios e Socias do Museo do Pobo Galego e comisariada por David Conde Lourido. Está centrada sobre todo na parte gráfica do artista, inclúe aportacións de Xosé Ramón Fandiño, Luís Martul Tobío, Esperanza Delgado Rosende, da familia Taboada Saavedra e da Biblioteca e Colección Museo do Pobo Galego.
Entre elas poderanse ver dúas litografías orixinais, así como tamén debuxos e felicitacións de Nadal, folletos de cerámicas do Castro (anos 50) e carteis deseñados para Sargadelos (anos 2000) ou carteis de cego como a historia de “Paco Pixiñas” (1970) ou “O crime de Londres” e “Castelao”, contadas polo cego Zago.
Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920 – A Coruña, 2012) pasou a vida creando factorías culturais e espazos contra o baleiro. En 1963 concibiu con Luís Seoane o Laboratorio de Formas, ente teórico, viveiro de ideas, a través do cal crearon Ediciós do Castro, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, e a recuperación da actividade e memoria de Sargadelos que coa color azul cobalto como elemento de identificación actuou de embaixadora de Galicia polo mundo. Díaz Pardo foi membro fundador do Museo do Pobo Galego, do que foi presidente do Padroado desde o ano 2000 ao 2010. En 2006 o Museo do Pobo Galego homenaxeouno impoñéndolle a súa insignia de ouro.
Ao acto de inauguración asistirá Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo, e o seu director Manuel Vilar .O horario para poder visitar a mostra é de martes a sábado de 11h a 18h (horario continuado), os domingos de 11h a 14h. Os luns o Museo do Pobo está pechado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.