Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/11/2020 | Actualizada ás 17:24
O avogado de Rosario Porto, José Luís Gutiérrez Aranguren, manifestou que os familiares que aínda lle quedaban a Rosario Porto se desentenderon dela. "Non había ninguén preocupado", asegurou ao ser preguntado sobre quen se fará agora cargo do seu corpo e a relación coa familia que quedaba.
Por outra banda, dixo que a súa cliente lle trasladou "en máis dunha ocasión" que quería facer testamento, aínda que precisou que descoñece "se chegou a outorgalo ou non" antes de que se suicidase no cárcere de Brieva (Ávila), uns feitos polos que un xulgado abriu dilixencias tras a morte de Porto, por aforcamento, na citada prisión.
O letrado que a defendeu no xuízo pola morte da súa filla Asunta --e no que foi condenada a 18 anos de prisión por asasinato, xunto ao seu exmarido, Alfonso Basterra-- asegura, mentres, non ter información sobre a situación nestes momentos dos restos mortais de Porto ou o resultado da autopsia que se lle realizou.
"A última información que teño é que o corpo de Rosario está no Instituto Anatómico Forense de Ávila e descoñezo como e cando se vai efectuar o traslado a Galicia". Sobre a data do seu enterramento, afirma que "iso dependerá de se hai testamento ou non".
"En función diso serán os herdeiros testamentarios ou os herdeiros abintestato --procedemento xudicial sobre a herdanza e a adxudicación dos bens do que morre sen testar-- os que deberán tomar a decisión". "Que a min me conste, ninguén se fixo cargo do corpo", indica sobre a posibilidade de que uns curmáns de Porto se fixesen cargo do mesmo.
APARICIÓN DE FAMILIARES
Respecto diso, apunta que "non só non había ninguén preocupado --de Rosario Porto--, senón que me fixeron ver persoalmente que se desentendían dela e non querían volver falar nin con ela nin comigo", sinala en referencia aos feitos posteriores tras a detención da súa clienta pola morte da súa filla.
"A súa aparición neste momento creo que ten unha explicación moi doada que calquera pode deducir", apunta sen aclarar máis respecto diso, aínda que a herdanza que deixaría Porto estímase importante dadas as propiedades que tiña. Sobre o testamento, reitera que non dispón da documentación necesaria para "saír da dúbida" de se o deixou ou non.
PROTOCOLO ANTISUICIDIOS
Rosario Porto, que apareceu morta na súa cela o pasado 18 de novembro, contou ata en seis ocasiones con protocolo antisuicidios, aínda que a súa situación e estado mellorou desde que o pasado mes de marzo chegou ao centro penal abulense.
No entanto, en anteriores ocasións o seu avogado alertara do seu estado depresivo cando estivo nos cárceres de Teixeiro (A Coruña) e da Lama (Pontevedra).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.