Por E.P. | A CORUÑA | 02/12/2020 | Actualizada ás 18:04
A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, considerou que a edil da Coruña Mónica Martínez --que concorreu ás pasadas eleccións municipais baixo as siglas da formación laranxa-- debe cesar do seu cargo no goberno local "por xustiza" e "pola súa propia dignidade".
Así o asegurou a dirixente de Ciudadanos Galicia nun comunicado remitido aos medios despois de que informes de técnicos municipais do Concello da Coruña sinalasen que a exportavoz de Ciudadanos na cidade non cometeu transfuguismo e validasen o decreto da Alcaldía polo que se lle delegou competencias de Deportes.
Respecto diso, Beatriz Pino insistiu na sentenza emitida hai semanas polo Tribunal Supremo que fixaba que un "suposto de transfuguismo" impide que "se asuman cargos" que antes non exercía a persoa en cuestión, e deixa claro que "os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos que supoñan melloras políticas e económicas".
"En Ciudadanos témolo claro: A secuela do transfuguismo é unha forma de corrupción, que perverte a vontade dos cidadáns, só en beneficio daqueles que a utilizan", sostén Pino, que lembra que a súa formación traballou moito para "conseguir reactivar o Pacto Antitransfuguismo tras máis de 10 anos paralizado" e deixa claro que "non vai parar nesta loita contra a corrupción que supón o transfuguismo".
A portavoz da formación en Galicia asegura que a sentenza é "clara" e que os "avala". "Non imos deixar de alzar a voz antes os casos de corrupción, como é o transfuguismo, e por iso, ademais de pedir que devolva a acta, levamos semanas esixindo que sexa cesada do seu cargo como concelleira de Deportes no Concello da Coruña", sinala.
"Entendemos que é lícito abandonar un partido polos motivos que sexa, pero unha vez que o abandonas debes devolver a acta ao partido que representaba", afirmou para soster que "Mónica Martínez aínda está a tempo de emendar o seu erro e demostrar aos coruñeses que ten dignidade, principios éticos e morais no exercicio da política".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.