Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2020 | Actualizada ás 18:33
A portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista, Noa Díaz, rexistrou unha serie de iniciativas na Cámara galega nas que pide que a Xunta mostre o seu apoio público á xogadora de fútbol galega que se negou a participar nun minuto de silencio en memoria de Maradona como acto de reivindicación feminista.
Nas iniciativas, das que informou nun comunicado, a deputada do PSdeG tamén reclama que o Goberno galego condene as ameazas que esta xogadora do Viaxes Interrías Fútbol Feminino está a sufrir a consecuencia da súa acción.
Noa Díaz pídelle á Xunta que recoñeza a súa "acción de valentía e en favor da igualdade", ademais de condenar todas as ameazas que "leva sufrindo a consecuencia" da súa acción. "Os pequenos xestos moven o mundo, e esta moza pontevedresa deu unha gran lección a toda a sociedade, rexeitando co seu xesto que os privilexios de ser unha lenda do fútbol estean por encima das violencias machistas".
"Non se poden consentir os discursos do odio e fanatismo nunha sociedade que queremos igualitaria, e na que cada quen deberá poder expresarse libremente, máximo cando a súa reivindicación pon o foco na violencia contra as mulleres", asegura a parlamentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.