Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2020 | Actualizada ás 21:59
A Cámara galega aprobou demandar ao Goberno de España a transferencia á Xunta que goberna Feijóo da xestión do ingreso mínimo vital e pedir á Xunta que impulse as modificacións normativas necesarias para garantir a complementariedade da Risga con esta prestación, para facilitar a transición cara a unha renda única.
En concreto, o Grupo Popular e o BNG acordaron un texto por mor dunha iniciativa defendida polo deputado do PPdeG Alberto Pazos. Con todo, os socialistas abstivéronse despois de que o PP non aceptase a súa emenda.
"Necesitamos que se transfiran os fondos asociados a esta prestación para poder integralos nunha renda única que permita mellorar prestacións e evitar duplicidades", argumentou Pazos, que sostivo que este traspaso "resultaría dobremente importante pola necesidade de axilizar as axudas" e porque non se pode aceptar "un trato discriminatorio a Galicia. "Non existe ningún impedimento para que este traspaso se concreto, excepto a vontade do Goberno de Pedro Sánchez e de Pablo Iglesias de castigar, unha vez máis, a Galicia", indicou.
APOIO CON CRÍTICAS DO BNG
Aínda que finalmente os nacionalistas chegaron a un acordo sobre a iniciativa co PP, a deputada Olalla Rodil mostrouse crítica cos obxectivos dos populares. "A vostedes impórtalles a condición de nación histórica deste país cero, o que lles importa é canto de útil é para zorregarlle a Sánchez", afeoulle.
Pola súa banda, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que formulou unha emenda que foi rexeitada polo PPdeG e na que pedía chegar a un acordo para establecer un "marco de colaboración" sobre este asunto, acusou aos populares de buscar a confrontación. "O Grupo Popular non trae unha iniciativa para que o Goberno galego poña medios para cambiar a situación de vulnerabilidade na que levan vivindo moitos homes e mulleres 11 anos..., trae unha iniciativa para zorregarlle unha vez máis ao Goberno de Sánchez", dixo.
AXUDAS FERROL
Por outra banda, o Parlamento galego pediu por unanimidade dos grupos con representación na Cámara, PP, BNG e PSOE, que Europa deixe ao sector naval de Ferrol beneficiarse de axudas a fondo perdido.
A iniciativa partiu do PPdeG e xerou un debate no pleno no que populares e socialistas cruzaron reproches pola situación de Navantia, mentres o BNG acusoulles de "xogar" a "meterse o dedo no ollo" coas necesidades desta comarca. En concreto, o texto aprobado solicita no seu punto terceiro que a Xunta se dirixa ao Goberno central para que este faga a solicitude á Comisión Europea de consideración do naval como "sector estratéxico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.