O Consello Xeral da Avogacía Española deu a alarma: “Milleiros de afectados por hipotecas poden quedar indefensos”. A nova Lei 1/2013, aprobada polo PP en solitario, establece o prazo improrrogable dun mes desde a súa entrada en vigor para paralizar os embargos e procesos de execución en curso cuxos contratos conteñan cláusulas abusivas.
A Lei 1/2013 de protección do debedor, reestruturación de débeda e aluguer social, entrou en vigor o 16 de maio: o prazo para que calquera cidadán afectado por un embargo exerza os seus dereitos vence o vindeiro luns 17 de xuño. Non hai prórroga posible: é un prazo preclusivo, vencido o cal sen exercer a oposición prevista na nova lei, o cidadán perderá os seus dereitos e os procedementos seguirán o seu curso.
Este prazo perentorio dun mes, imposto no Congreso polo brazo lexislador do Goberno, é xuridicamente reprochable e civicamente salvaxe: unha arbitrariedade. Distintas organizacións e xuristas están suscitando xa cuestións prexudiciais ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Tamén se suscita a inconstitucionalidade da Disposición 4ª da nova lei, un batiburrillo de quero e non podo que suplanta ao Real Decreto anterior sen derrogalo e deixa o patio sementado de disposicións “zombis”, en acertada expresión do avogado Mateo Juan Gómez (Diario A Ley). Como o Goberno non quixo coller o touro polos cornos, haberá que esperar outra vez a que a solución veña de Luxemburgo e o TJUE restitúa dereitos cidadáns roubados pola banca coa complicidade de gobernos e lexislacións nacionais, e nos volte o orgullo e a conciencia de ser europeos.
Sen entrar aquí en detalles, o Tribunal de Luxemburgo cambiou o paso ao abuso bancario declarando abusivas unha serie de cláusulas reconocibeis en milleiros de hipotecas: cláusula chan (descabalgada onte mesmo polo Tribunal Supremo), vencemento anticipado, responsabilidade universal, renuncias ao foro ou á lectura da minuta notarial (ver o “pau” do Supremo á viciada práctica de tantos notarios), taxación a cargo da propia entidade convertida en xuíz e parte, e outras moitas impostas polos bancos de modo unilateral e desproporcionado.
Si vostede, o seu pai, ou a súa veciña, teñen pendente unha demanda do banco ou unha execución da hipoteca, ou son avalistas (ollo, a nova lei algo bo había de ter: o Art. 8 ampara expresamente ós avalistas) deben facer caso inmediato ao Consello da Avogacía e presentar mañá mesmo, ou o luns como moi tarde, un incidente extraordinario de oposición baseado nas cláusulas abusivas. Na web da PAH, recentemente premiada polo Parlamento Europeo para desgusto do PP, hai un kit de urxencia con modelos de balde. Aínda que sexa ás presas –así o quixo o Goberno-, miles de afectados por hipotecas abusivas temos ata o vindeiro luns a posibilidade real de facer valer os nosos dereitos.
Real decreto 6/2012 de medidas urgetes:
Tribunal Supremo, sentencia cláusula suelo: